"Esquecino no rocho para seguir vivindo"

Mulleres coñecidas e anónimas achegan as súas experiencias persoais de acoso e violencia sexual no ámbito laboral e no privado. Esta lectura pode desencadear lembranzas desagradables en persoas que teñan sido vítimas de situacións similares.

HAI UN ANO, o Concello de Pontevedra poñía en marcha na campaña #PrimAcoso, que convidaba as mulleres a relatar a primeira vez que tivesen consciencia de ter sufrido acoso sexual. Naquela altura, chamaba a atención como en tantos casos, ese primeiro encontronazo tiña lugar antes dos dez anos de idade das vítimas. No ámbito escolar, na catequese, por parte dun home adulto da familia ou en espazos públicos como o transporte urbano, as salas de cine ou a propia rúa. Nestas semanas de atrás, ao socaire do caso Weinstein, a actriz Alyssa Milano animaba a partillar experiencias co cancelo #Me Too (#EuTamén).
Testimonios de violencia de xénero
Iria C. Criminóloga. Ourense: "Quería que fose á súa casa a comer torta"

Conta Iria C. (nome figurado), que o profesor de francés do instituto da vila da que ela é orixinaria era un deses docentes que "tiñan fama de pervertidos" E explícase: "A min nunca me deu clase, pero as miñas compañeiras comentaban que con iso de que o francés era a lingua do erotismo e non sei cantas milongas máis non facía máis que dicirlles porcalladas na clase". Ademais, aquel docente tiña certo trato con un parente do pai de Iria e coincidiran nalgunha festa. "O trato era moi superficial, por iso se me fixo tan raro que un día, sendo eu adolescente, ao atopalo pola rúa, me abordase e me insistise unha e outra vez que fose á súa casa a comer torta de chocolate. Non fun, pero quedoume mal corpo".

Nieves Rodríguez. Presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Donosti-Tui-Santiago: "A primeira vez que fun a un cásting para a TVG pedíronme que me puxera en traxe de baño"

Nieves Rodríguez vén de ser elixida presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e na asemblea que celebraron esta mesma semana propuxo, a través da comisión de igualdade, a creación dunha canle para que as asociadas que se algunha vez se puidesen ter sentido acosadas ou intimidadas estean "acompañadas e arroupadas". "Que non se vexan tan soas, que poidan ter alguén a quen contarlle o que lles pasa, denunciar, que non pensen que algo está mal con elas ou que están a tolear". Nieves Rodríguez, con máis de 25 anos de traxectoria e coñecida como presentadora en Luar e en Vaia troula! e como actriz en Rías Baixas ou Pazo de familia, explica que ela, ao ver saltar o caso Weinstein, díxose: "Menos mal que isto a min non me pasou". Acto seguido, repensouno. "Estás segura?", preguntouse. E lembra como a primeira vez que fixo un cásting para a TVG lle preguntaron se levara o bañador. "Díxenlles que nin o trouxera nin había poñer ningún que me prestasen e marchei".

Engade que a situación habitual de desigualdade no ámbito audiovisual, onde se botan de menos mulleres directoras e guionistas e presentadoras nos programas de prime time, axuda a reducir a presenza das mulleres a un "elemento decorativo". "Houbo políticos que me tiraron os trastos mentres os entrevistaba", rememora. "Ás veces das con alguén que prolonga o contacto físico máis do que che fai sentir cómoda. Pensas se serán cousas túas. Logo resulta que un compañeiro che di que tal persoa do equipo lle comentou: Que ben que está fulanita nesta produción, que así aproveito para restregarme un pouco".

Rememora tamén o que lle aconteceu cun alcalde galego cando traballaba en Desde Galicia para o mundo. Estabamos ceando o produtor e mais eu con el cando me dixo: Las chicas de la tele ya se sabe cómo sois. Eu retruqueille: E como somos?. El dixo: Un poco putas". Ese día Nieves Rodríguez sentiuse respaldada polo compañeiro, que lle afeou a conduta ao político e marchou con ela. A actriz incide en que ao longo da súa carreira abundaron os compañeiros respectuosos, e que só uns poucos se pensaron con dereito a tratar as mulleres "como trofeos".

"Mentres estás acovardada, non hai problema, pero en canto protestas e estableces límites... A min rescindíronme un contrato en 15 días. Citáronme no hall dun hotel para despedirme sen indemnización e dixéronme que, se denunciaba, non volvería a traballar en Galicia na vida. Denunciei. Estiven tres anos sen traballar. Cando levaba dous anos no paro, chamáronme para unha entrevista. Vaia, é que nos dixeron que eras moi conflitiva. Conto isto agora por se lle serve a algunha compañeira e porque menos do que traballo non vou traballar. E porque xa teño unha idade".

Carmen Magdaleno. Xornalista e influencer. Cangas do Morrazo-Lugo: "O xefe dixo que iso nos pasaba por ser guapas e que os negocios, mellor nun contorno agradable"

Carmen Magdaleno é xornalista no grupo municipal de Ace en Lugo e, asemade, conta con milleiros de seguidores na súa conta de Twitter e no sitio web Lamagdaleno.com, que a converten nunha das autoras luguesas cuxas opinións sobre feminismos e deritos das mulleres contan cunha meirande repercusión. Ela relata que, no ámbito profesional, tivo que sobrelevar unha experiencia de acoso cando traballaba nunha empresa de comunicación en Vigo. "Organizamos unha misión comercial en Santiago con empresarios da construción e as miñas compañeiras e mais eu sufrimos un montón de comentarios por parte dos participantes; unha delas foi mesmo abordada nos aseos no hotel no que se organizaba. Era o primeiro día na nosa empresa desa rapaza en concreto e non tiña sequera asinado o contrato, non volveu ao día seguinte a traballar despois desa experiencia".

Magdaleno engade que lle protestaron ao seu xefe, organizador da misión. "Díxonos que non fósemos quejicas, que iso nos pasaba por guapas e que se facía mellor negocios nun contorno agradable". Aquela xornada incluíu novas mostras de acoso e impertinencias. "Lembro que chegaron a pedirnos o número de teléfono un par deles, por se queriamos tomar algo despois; tratábannos coma se fosemos animación sexual do evento aínda que tiñamos o distintivo da organización e levabamos todo o tema da comunicación".

Ao xefe de Magdaleno, aquilo pareceulle un exitoso día de labor. "Ao rematar, díxonos: Buen trabajo, chicas, habéis venido muy guapas y estado muy amables, eso sí es profesionalidad".

E para colofón, un comentario racista: "A misión era de empresarios galegos con brasileiros, arxelinos e marroquíes, pero a actitude foi xeralizada, non dunha nacionalidade en concreto, aínda que o meu xefe, que ademais de machista era racista (e de familia opusina ilustre) espetou: "Tenéis que disculpar a gentes de otras culturas, allí es lo normal. Sed comprensivas".

Melania Cruz. Actriz. Lugo-Ourense: "A desigualdade no sector audiovisual é sangrante"

Melania Cruz vén de ser louvada polo seu papel protagonista en Dhogs, a longametraxe de debut do meirego Andres Goiteira sobre os estragos da masculinade tóxica. Ela incide no necesario que resulta visibilizar as situacións de acoso e de violencia sexual que sufren as mulleres, tanto na súa vida diaria como nos ámbitos escolar ou profesional. "A verdade é que no ámbito do audiovisual, o que se di traballando, afortunadamente non tiven problemas dese tipo, aínda que si percibo a desigualdade no sector dunha maneira sangrante. Sendo a idade e a aparencia física determinantes para certos traballos, esta desigualdade adoita ser maior ca no teatro".

Mariña V.Traballadora social. A Pontenova: "Viúseme enriba; encerreime na cociña e botei alí toda a noite"

Mariña V. (nome figurado) traballou hai anos fóra de Galicia nun centro educativo no que facía quendas de noite. "Levaba xa un tempo co mesmo compañeiro e tiñamos unha boa relación; mesmo el me recollía co coche na parada do autobús para levarme ao centro". O día que o mudou todo tiveran unha reunión previa na que a xefa de ambos os dous sacou na conversa que xa lle tiñan xestionado os días que lle correspondían ao compañeiro de Mariña por matrimonio. "Así que vas casar? Pois moitos parabéns, díxenlle".

"Cando empezou a nosa quenda, noiteino raro. Empezóuseme a vir enriba. Eu fíxenlle a cobra e o basilisco. Non sabía onde meterme, porque empecei a ter medo; sentinme non respectada. Encerreime na cociña e botei alí toda a noite. Fixen eu soa todos os bocadillos para o recreo, pero non o deixei pasar". Cando chegaron as compañeiras de mañá, Mariña V. subiu no coche do seu agresor. "Dixéronme: Apura, que perdes o taxista, e eu non fun quen de facer outra cousa".

Tratou ao día seguinte a situación coa súa psicanalista e decidiu despedirse do traballo. "Díxenlle á miña xefa que o ambiente de traballo era moi machista e que non me atopaba cómoda. Nada máis. Non estou orgullosa, pero non me pesa. Quizais non teño feito nada polas demais mulleres, pero naquel momento necesitaba asegurar a miña saúde mental".

Viu unha vez máis o seu agresor. "Púxenlle un SMS porque precisaba dicirlle que traizoara a miña confianza e que non quería saber del na vida. El saiume con que estaba namorado de min, con que o feito de que eu soubese que el ía casar o trastornara. Eu nin o escoitei; só quería soltarlle aquilo e non volver velo".

Elvira U. Opositora Lugo: "Tiveron que pasar 20 anos para decatarme de que fora violada con 14"

Foi nas costas do Parque durante o San Froilán. Elvira U. (nome figurado), paseaba polas barracas coas súas amigas. Tiña 14 anos e pelexaba cos seus pais cada minutiño máis na hora de queda. Aquel día, cruzouse cun "depredador". "Practicamente secuestroume do meu grupo de amigas e levoume a un apartado. Fíxome o que quixo ata que me dei librado dun empurrón. Ata 20 anos despois, facendo terapia, non fun capaz de procesar que fora violada aínda que non me penetrase co seu pene. Eu non llo contara a ninguén. Xa intuía o que ían dicir, como reacciona a xente se es alguén sociable, a quen lle gusta saír e que goza coñecendo ou tendo relaciones íntimas con outras persoas. Eu non me sentín culpable. Agocheino no cuarto dos trastos. Esquecino no rocho e fíxenlle un tabique. Agora sei que actuei así para seguir vivindo. Hai uns anos fun capaz de procesalo grazas á terapia e conteillo ao meu home, para que vise como ser muller é unha profesión de risco".

Begoña L. Filóloga. Lugo: "Dicíame que Picasso tamén se deitaba coas súas alumnas"

Begoña L. (nome figurado) reside desde hai anos en Lugo, pero botou a infancia noutra cidade. Comenzou a acudir a clases particulares de pintura con oito anos. "Ao que me empezaron a apuntar as tetas, o profesor, un señor xa xubilado, empezou a sobarme; intentaba bicarme. Sempre facía por mandar antes para a casa os outros alumnos para quedar só comigo na academia. Dicíame que non me resistise, que todos os grandes pintores, como Picasso, se deitaban coas alumnas, que para ser artista había que ter unha mentalidade aberta e non ser unha nena pequena. Eu rexeitaba as súas aproximacións como podía, pero nunca fun quen de dicirlles nada aos meus pais". Agora é quen de explicar os porqués: "Fora educada para ser unha nena obediente e estudosa e sentía que isto sería unha decepción".

Comentarios