Estable

Méritos propios e deméritos alleos confabúlanse para que Feijóo –ou o seu eventual sucesor, caso de que marche á política de Estado– bote uns anos máis na comandancia da Xunta.

Eu xa intuía que o herdeiro de Fraga ía soterrar o espectro do patrón sen sufrir síndrome de Hamlet, porque don Manuel, digan o que digan, ha entrar na Historia como actor secundario e non como o estadista que pretendeu ser.

Feijóo non goberna gran cousa, probablemente non goberne nada, pero desenvólvese na política con intelixencia entendida no sentido maquiavélico: sabe vender o fume transmutado en incenso, minimiza os partes de danos e, sobre todo, non perde a calma.

Coa baronía problemática de Ourense traída ao rego, todo o poder popular é para o nativo dos Peares. E o PP é un partido de poder, antes que de ideoloxía; ergo, quen ten o poder, está no cimo do poleiro e a salvo dos croios. Se á seguridade do novo líder galaico, ben apuntalada polo xiro “optimista” dos telexornais, lle sumamos a gaiola de grilos da oposición, o resultado é que dificilmente a tortilla do Hórreo vai dar volta para a próxima lexislatura. Así como a virtude de Feijóo é a inmobilidade plácida, o defecto da oposición é a inmobilidade tormentosa.

Inmobilidade no PSdeG, onde esteticamente gañaron moito co cambio de líder, mais queda por ver se de aí sae un discurso político –pregunta: canto hai que o PSOE, ou algunha das súas filiais, non ofrecen un discurso realmente político?–.

Inmobilidade en AGE, que arrincou hai un ano co mandato de ser “correa de transmisión” entre a cidadanía e as institucións –empeño utópico, si, pero á utopía hai que tender– e que hoxe simplemente é un grupo parlamentario, ausente da sociedade civil e só presente nos medios pola dialéctica vigorosa de Beiras ou os desaxustes entre Anova e EU –e a ver canto tardan en estourar os desaxustes internos en Anova–. E inmobilidade, por suposto, no BNG; digo “por suposto” porque nesta fronte a inmobilidade é unha constante dende hai non sei canto: agora están entusiasmados con CiU e a súa vía á independencia porque, como todo o mundo sabe, Galicia e Cataluña son dúas realidades calcadas.

Con tal panorama nas filas inimigas, o desgaste de Feijóo na liña de fogo é mínimo. Chégalle con ter controlada a retagarda, manter a parroquia tranquila coa seguridade de que Galicia –como todo o mundo sabe– “compórtase ante a crise moito mellor que o resto do Estado”.

Comentarios