miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Estados de graza

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

CANDO CHEGA o Nadal éntranme gañas de subir montes iniciáticos e ler libros arrebatadores. Non sempre se conseguen ambas as dúas cousas, pero o dilema pode quedar resolto en Portugal, onde sempre hai montes arrebatadores e libros iniciáticos pendentes de ser descubertos.

OÍDO
Paso uns días en Portugal, descansando nunha quinta que ten dous xardíns, o francés e o inglés, un xardineiro en idade de postxubilación e un delicioso queixo de ovella. Na RTP estrean O Ministério do Tempo versión portuguesa. Non defrauda. Comeza coa patriótica batalla de Aljubarrota. Algúns axustes son saborosos e con morbo: aquí cambiaron o enfermeiro por médico, que debe parecer máis respectable. Pero o chiste de temática "autorrisa" é descaradamente similar. Un dos gags máis celebrados daquel primeiro capítulo en España fora aquel de cando o equipo lle preguntou ao xefe: "E que temos que facer na misión?", e o subsecretario lles respondía: "Improvisen. Son españois". En Portugal o gag é o mesmo, só que con portugueses.

VISTA
Así como non creo na inspiración na literatura, estou convencido dos estados de graza. Creo que é o que lle pasou a Marta Sanz con Farándula, o 33º Premio Herralde, publicado en Anagrama. O libro é brutal: unha narración chea de retranca e estilo, onde van confluíndo un conxunto de actores e actrices de diferentes idades aos que lles toca un papel non moi agradecido: a de desvelarnos as miserias e contradicións da nosa sociedade. O postureo, o boísmo, a envexa, a miseria dun futuro avellentado que non preparamos. Como digo, Sanz escribiu en estado de graza, coa mecha prendida dun combustible que debe saír do centro da mesma Terra.

GUSTO
Aínda que eu penso que é Francia, e non Portugal, a Galicia botada a andar da que falaba Castelao, non hai dúbida de que hai unha disciplina na que a frase do rianxeiro cumpre: no sector vinícola. Un afeccionado ao tinto galego ten por forza que baixar ao Dão —na contorna de Viseu— e descubrir como aí está a evolución dos nosos tintos cara o sur, coa súa acidez e frescura, con matices atlánticos, pero cun corpo que anima a deixalos repousar e facer bos reservas. A paciencia significa, ademais de acadar novos matices maduros para os viños, subirlles un 50% o prezo. Pero o adegueiro galego aínda prefire facturar a esperar.

OLFATO
Voulles revelar unha adicción íntima: o consumo de anuncios de perfumes durante o Nadal. Non só os vexo todos, senón que me configuro unha lista privada de Youtube cos meus preferidos. Son coma soños capitalistas de dixestión pesada. Este ano os perfumes revélannos sobre todo pacatismo: smokings, vestidos de longo, festas neoiorquinas, ausencia de provocación. A crise económica terá marchado, pero os anunciantes de perfumes continúan asustados.

TACTO
Ten algo de iniciático subir unha rexa montaña sen camiños, suar nesta mañá xélida dun interior perdido de Portugal, para sentares cabo dunha pedra e mirala, e sentir, e pasar a man polo tacto rugoso e frío. Aquí, no Cabeço das Fráguas, esquencida por case todos, atopamos a inscrición máis antiga gravada na lingua lusitana, que era a mesma que falaban os galaicos antes da chegada de Roma. Describe un ritual de sacrificios a deusas e deuses de nomes marabillosos: Reve, Laebo, Iccona, Trebopala. Esta luz invernal pégalle de esguello á pedra, e o sol faille recitar palabras que nós case entendemos.

INSTINTO
O problema de ensaios tan interesantes como Homo Deus, do israelí Yuvah Noal Harari, é que demostran como hoxe as grandes preguntas están separadas das pequenas. Os académicos están centrados nos pequenos relatos, en formato paper, para revista académica, e se interesan en preguntas pequenas. Pero a sociedade segue precisando de grandes explicacións: só os outsiders, os catedráticos con sexenios ben consolidados ou os valentes como Harari consideran perder o tempo en falarlle ás masas. E polo éxito das propostas, vese que as masas están ávidas de conversa.

Estados de graza
Comentarios
ç