"Estas conversas tamén fan cidade"

Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo promoven a cuarta edición do ciclo de charlas 'Conversas na Uvi', que abrirán Ramón Rozas e Ledicia Costas o 31 de outubro
A escritora Ledicia Costas
photo_camera A escritora Ledicia Costas

"Entre os obxectivos deste ciclo, dende o principio, estaba o de xerar un espazo de diálogo e de reflexión. Hoxe, máis que nunca, este tipo de foros, que promoven sentar con calma a escoitar aos demais, son moi necesarios", explica Ramón Rozas. O crítico de Diario de Pontevedra volve exercer de coordinador do ciclo de charlas abertas ao público Conversas na Uvi, que o xornal organiza en colaboración co Campus de Pontevedra e que o propio Rozas abrirá, o 31 de outubro, falando coa escritora Ledicia Costas. "A través de Conversas na Uvi reivindicamos os espazos de convivencia e reivindicamos que a Universidade non se limite a dar clases e o Diario a vender xornais. Imos máis alá. Estas conversas tamén fan cidade".

Conversas na Uvi incluirá na edición deste curso nove encontros conducidos por outros tantos xornalistas e columnistas de Diario de Pontevedra. Se no mes de outubro será Rozas o que fale con Ledicia Costas, no de novembro será a vez de Rodrigo Cota, que charlará co párroco de Santa María, Javier Porro. O ano rematará da man de María Varela, xornalista que esta semana recolle o Premio Francisco Fernández del Riego, mantendo unha conversa coa xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Á volta do Nadal, incorpórase ao ciclo a xornalista Carolina Neira. No mes de febreiro será a vez de Diana López Varela; no de marzo, a de Rafa Cabeleira; no de abril, a de Bernardo Sartier e no de maio, a de Serafín Alonso. O ciclo rematará no mes de xuño co encontro conducido por Xaime Nogueira.

"Conversas na Uvi é un proxecto no que conflúen varios obxectivos da Universidade de Vigo", explica o responsable da Área de Extensión Cultural do Campus de Pontevedra. "O primeiro, abrir as actividades da Universidade ao público en xeral, implicarse coa cidadanía, e isto está directamente relacionado co Campus Crea. E, por outra parte, a idea de que hai que traballar en común, neste caso co Diario de Pontevedra".

Comentarios