Estrela de Marín e Ence buscan porlle freo ao uso indiscriminado do plástico

A campaña 'Encende a reciclaxe' aporta datos como que na Praza de Abastos se reparten cerca de 2.000 bolsas deste material nun día

Baixo o nome de Encende a reciclaxe, o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín vai levar a cabo un proxecto que ten dous obxectivos principais, centrados ambos no excesivo uso de plásticos na vida diaria. O primeiro ten que ver con reducir o número de bolsas feitas deste material na vila, e o segundo busca sensibilizar aos veciños sobre as repercusións sociais e ambientais da reiterada utilización do plástico no comercio de proximidade.

"As bolsas dun só uso que se reparten gratuitamente nos comercios convértense rapidamente nun residuo. Tanto a súa fabricación como o tratamento das mesmas unha vez son rexeitadas producen serios problemas ambientais e económicos", explican, e estiman que cada persoa usa "unha media de 238 bolsas ao ano" na vila.

Con esta campaña, que conta coa financiación do Plan Social de Ence, a asociación de comerciantes marinense pretende que os establecementos asociados á mesma e os seus clientes coñezan a nova normativa sobre as bolsas de plástico, que entrará en vigor o 1 de xaneiro do vindeiro ano 2018, e que obriga a cobrar pola súa entrega aos comercios. O fin que persegue este novo marco regulador é o de reducir o consumo de bolsas en España, para cumplir así co fixado na lexislación europea e afondar socialmente no respecto ao medioambiente.

Para acadar os obxectivos citados, Encende a reciclaxe repartirá entre todos os asociados uns folletos informando sobre a importancia do uso de bolsas de materiais reutilizables, así como dos efectos nocivos que producen as que son dun só uso. Por outra banda, entre os clientes que demostren que recibiron dita información, Estrela de Marín sorteará unha das 2.000 unidades reutilizables que deseñaron co lema da campaña.

O reparto efectuarase na Praza de Abastos, xa que segundo os datos dos que dispoñe a organización da iniciativa, "nun día normal utilízanse máis de 2.000 bolsas neste recinto". Ademais, Estrela non elixiu esta data para poñer en marcha a acción de forma casual. A súa intención é levala a cabo ao mesmo tempo que se estreará unha nova edición de Por un consumo responsable, unha das iniciativas máis existosas da asociación, que pretende reducir o uso das bandexas de poliestireno. "Cremos que facéndoas coincidir no tempo crearanse sinerxias", apuntan desde el colectivo marinense, que creou unha páxina web (http://encendeareciclaxe.es/) a disposición dos clientes.

Comentarios