Estudantes pontevedreses levan a un videoxogo a obra de José Saramago

Un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo adaptará 'A viaxe do elefante'
Burghard Baltrusch -co libro nas mans-, Beatriz Legerén, Enrique Costa e Antonio Pena
photo_camera Burghard Baltrusch -co libro nas mans-, Beatriz Legerén, Enrique Costa e Antonio Pena

A iniciativa posta en marcha polo grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), da Universidade de Vigo, converterá o libro A viaxe do elefante, do Premio Nobel José Saramago, nun videoxogo. A idea é poder presentar o primeiro nivel nas xornadas que a cátedra internacional da UVigo que leva o nome do ilustre portugués celebrará en Pontevedra o próximo mes de novembro.

ComTecArt é un equipo multidisciplinar que empeza a súa actividade con esta experiencia, na que participan preto de 30 estudantes de Comunicación Audiovisual e de Enxeñaría de Telecomunicación, distribuídos en varios grupos de traballo.

A iniciativa está coordinada polos docentes Antonio Pena, Enrique Costa e Juan Carlos Burguillo, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Vigo), e Beatriz Legerén e Mónica Valderrama, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Pontevedra). A maiores contan tamén coa colaboración do director da cátedra, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch, quen admite que dende o principio acolleron esta actividade "con moita ilusión" e, na medida das súas posibilidades, farán todo o que poidan por apoiala. "Tiven unha reunión xa cos participantes e tentei mostrarlles que na novela A Viaxe do Elefante, á parte dun conto con base histórica, hai todo un debate sobre a relación complexa entre realidade, ficción e historiografía, algo que tamén pode estar presente nun videoxogo".

Legerén explica que os videoxogos "son algo que se imparte de forma multidisciplinar en case todo o mundo e por iso quixemos abordalo deste xeito e non circunscribilo a un ámbito académico". Así mesmo, fai fincapé en que os participantes traballan exactamente igual que se faría nunha empresa de videoxogos.

A intención é presentar unha primeira versión nas xornadas da cátedra José Saramago que se celebrarán en novembro en Pontevedra

REPARTO DE TAREFAS. O alumnado de Comunicación Audiovisual (CAV) vaise encargar de crear o deseño conceptual e de establecer todos os mecanismos de xogo, as regras, o aspecto artístico, o manual, os labores de comunicación -incluíndo a creación dun caderno de bitácora-, canles de redes sociais, etcétera. Pola súa banda, os da EE de Telecomunicación crearán o interface do xogo e o xogo en si mesmo.

O obxectivo principal é facer traballar aos estudantes en grupos realmente multidisciplinarios en materias non orientadas a iso. "Trátase de abrirlles a mente a traballar con xente aparentemente afastada a eles. Mesmo no grao na EE Telecomunicación temos unha materia específica de último ano, Laboratorio de Proxectos, que tenta mesturar aos estudantes de varias mencións e sabemos doutra experiencia de materias específicas de proxectos mesturando estudantes da EE Industrial e da Facultade de Bioloxía, pero non temos constancia dunha experiencia tan ambiciosa pola dificultade de xuntar mentes de ámbitos tan, aparentemente, dispares, involucrando tres materias de grao", apunta o profesor Antonio Pena. Engade que ás dificultades habituais súmaselle o problema da distancia física entre Vigo e Pontevedra, "que solucionamos con moita vontade por parte de todos e o apoio da Universidade para ter un transporte semanal" entre ambas cidades.

Creáronse grupos de seis persoas con dous estudantes de cada unha das materias. "As sesións conxuntas celébranse cada semana nun campus, e logo teñen tamén clases pola súa conta nos tres casos", explica Legerén, ao que engade que "cada profesor vai valorar ao alumnado polas súas sesións individuais e os contidos específicos da súa materia, pero outra parte da nota vai ser por este traballo conxunto que van facer entre todos".

As materias son cuadrimestrais, polo que os prazos nos que se moven están delimitados por esta marxe temporal. "Faremos un seguemento con reunións quincenais e observación da actividade no contorno de xestión de proxectos que usarán", explica Pena, ao que engade que que a idea é ter unha "beta xogable" de cada videoxogo a finais de novembro, para levar a cabo os últimos axustes na primeira semana de decembro, antes dos exames. "A intención é facer públicas as versións para que calquera poida xogar e dar a súa opinión".

O grupo ComTecArt constituíuse o pasado mes de xuño e agora mesmo fórmano tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, tres da EE Telecomunicacion e catro da Facultade de Belas Artes.

O xermolo desta agrupación vén dunha charla de café dos profesores de dúas materias que tratan o tema dos videoxogos, Legerén e Pena, unha desde o punto de vista narrativo e interactivo, Videoxogos (CAV), e outra desde un punto de vista tecnolóxico, Tecnoloxía Multimedia e Computer Graphics (Telecomunicación). A continuación sumouse unha segunda área deste grao, Programación de Sistemas Intelixentes, así como o alumnado de Comunicación Alternativa, materia impartida por Mónica Valderrama.

A esta primeira iniciativa de creación do videoxogo seguiranlle outras.

Comentarios