Eterna xuventude

A xuventude é un dos maiores tesouros que ten o ser humano. É certo que é efémero pero sen dúbida agrupa os mellores anos de cada persoa. Os procesos de crecemento da persoa implican aprendizaxes, enfrontamentos a problemas, experiencia e, sobre todo, ilusión e capacidade para asumir retos vitais que son os que en definitiva nos dan a felicidade.

Hai un par de semanas soubemos do informe do Instituto Galego de Estatística que determina a idade media das cidades e das vilas galegas. Pontevedra está moi ben situada, sendo a cidade galega coa poboación máis nova, cunha media de 42 anos. Esta información acompáñase tamén do dato no que se detecta que boa parte da poboación non obedece a fluxos migratorios senón que os indicadores apuntan a unha estabilidade clara durante os últimos anos.

Creo que é a mellor noticia que se lle pode dar aos estrategas dos próximos vinte anos. Ser unha cidade con mocidade implica forza para seguir empuxando polos postos de traballo, pola calidade asistencia, polas melloras urbanísticas, polo crecemento económico e por todos os elementos positivos que se lle poidan ocorrer. Ademais, obsérvase que é un elemento imprescindible para garantir o crecemento poboacional polo que é fácil prever que nos próximos anos os nacementos tenderán a aumentar e, polo tanto, a cidade seguirá medrando.

As cidades teñen ciclos e etapas. Pontevedra, coma todas, pasou por bos momentos e por malos pero recoñezo que agora todos os datos apuntan a que estamos nunha situación bastante boa.

Coincidiu esta noticia cun informe do goberno dos Estados Unidos sobre a calidade de vida das cidades. Curiosamente, unha das que más despuntaron ao longo do século XX, como Los Ángeles, converteuse na cidade máis insegura e con peor calidade de vida do país norteamericano. Saben vostedes que Los Ángeles está situada no Estado de California, na cosa Pacífica. Ese Estado foi noticia hai catro de anos por ser o primeiro en entrar na bancarrota, chegando incluso á suspensión de pagos. As consecuencias, que a priori eran financeiras, pronto se converteron en sociais. Agora, Los Ángeles, é a cidade americana con maiores índices de pobreza e con máis habitantes en risco de exclusión social. Xustamente nos indicadores deste informe elaborado pola Los Angeles 2020 Commission tamén se apunta o claro envellecemento da cidade, marcada fundamentalmente pola emigración masiva da mocidade cara outros lugares.

Considero que a mocidade é un elemento fundamental no futuro de calquera cidade ou país. Sen embargo, é unha variable que está implicitamente relacionada con outras, como a do desenvolvemento económico e a do benestar social. Por iso, unha cidade coma Pontevedra ten que preocuparse pola idade media dos seus habitantes, pero tamén polas case 3000 familias que non teñen ningún tipo de ingreso vinculado a factores produtivos, ou dos sistemas imprescindibles para que os traballadores/as poidan conciliar a súa vida laboral e familiar. A mocidade é un divino tesouro, pero hai que coidalo moito para non perdelo.

Comentarios