martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

César Portela: ''Eu xamais lle debuxei un proxecto a un político nunha servilleta''

A editorial Loft vén de publicar unha gran monografía sobre a obra de César Portela, de algo máis de 400 páxinas, titulada ‘Emotion and Reason in Architecture’ (‘Emoción e razón na arquitectura’). Ese volume é unha das satisfaccións coas que o pontevedrés comeza o ano no que, entre outras cousas, prevé construír a torre de control do aeroporto de Sharm el-Sheikh

NON xogaba con mecanos nin nada parecido César Portela (Pontevedra, 1937) cando era cativo. «Iso todo veu moito despois. Eu de neno lémbrome xogando ás bólas ou á buxaina», confesa a modo de anécdota. O arquitecto pontevedrés (Premio Nacional de Arquitectura 1999) recoñece que o seu traballo se viu afectado pola ‘tesoira’ da crise, pero quítalle importancia e reivindica os orzamentos axustados. Tampouco lle preocupa o que poida pasar co Centro Social Novacaixagalicia, que el rehabilitou no seu día, porque non depende del. Fala con moita prudencia do novo edificio do Museo e do estadio de Pasarón, e con máis aínda da ministra Ana Pastor e de Santiago Calatrava. Prudente por riba de todo: «En realidade, neste contexto de crise, máis que inquedarme por todo o que non se vai facer, conformaríame con que non se desfixese nada».

En plena resaca inaugural do Sexto Edificio hai que preguntarlle que lle parece ese novo inmoble do Museo.

Aínda non o coñezo, así que non podo opinar. En principio, paréceme moi interesante que o Museo de Pontevedra gañe capacidade.

Durante moito tempo intentouse que esa ampliación dése directamente ao río. Vostede tense referido en máis dunha ocasión á perda que supuxo para Pontevedra vivir de costas á ría.

É que a min paréceme un tema fundamental. A cidade de Pontevedra non é outra cousa que un meandro entre o Lérez e o Gafos. Moitas cidades darían calquera cousa por ter un río e unha ría como temos nós. É unha pena desperdicialos.

O modelo de cidade peonalizada, que tantas críticas recibía hai unha década en Pontevedra, agora faise con premios europeos. Vostede foi un firme defensor dese xeito de entender a urbe dende o principio.

Por suposto. E sígoo sendo. Para min é algo incuestionable. Trátase de poñer nunha balanza ao coche e á persoa. Está claro que ten que pesar máis. O coche non deixa de ser un elemento máis ao servizo do ser humano, como tantos. O importante son os cidadáns.

A peonalización ampliarase agora a Benito Corbal.

Paréceme ben. O que pasa é que todas estas cousas tanto se poden facer ben como se poden facer mal. E é moi importante empeñarse en facelas ben. É fundamental decatarse de que cando falamos ben de Pontevedra falamos do casco histórico. Porque do resto non se pode falar ben. Confundimos unha cidade de 80.000 habitantes cun núcleo no que viven 10.000. Unha oitava parte de Pontevedra é estupenda. De acordo. Pero o resto é invivible. Como calquera ensanche de calquera gran cidade, ollo, que tampouco é unha excepción. Por que pensas que está sempre cheo de xente o centro histórico? Porque nos barrios de arredor non hai ninguén. E non hai ninguén porque non hai espazos nos que poder atoparse, sitios agradables polos que pasear... non queda outra que escapar ás praciñas do casco.

Sen embargo, a crise limitou a posibilidade de seguir mellorando ese centro histórico: os proxectos do Museo da Historia ou das medianeiras da Peregrina remataron nun caixón.

Mira, se as cousas se poden mellorar, xenial; pero, polo menos, que non se danen. Eu conformaríame con iso.

Preocúpalle o que poida pasar co Centro Social Novacaixagalicia que vostede rehabilitou?

A min só me preocupan as cousas nas que podo intervir. O que poida pasar co Centro Social non está na miña man. Evidentemente coido que sería unha perda importantísima para a cidade se desaparecese como sede da fundación. Fíxate que Caixanova barallou no seu día desfacerse dese edificio e construír o seu Centro Social nun terreo preto da Estación do Tren. Pero finalmente descartouse porque Pontevedra é unha cidade na que a xente está moi afeita a moverse a pé polo centro e cústalle saír desa rutina. Un exemplo é o traballo que a moitos veciños lle dá ir ata o Pazo da Cultura. Neste sentido, o Centro Social está situado estratexicamente. Desaproveitar eses espazos, ese auditorio, que acabasen perdendo a súa funcionalidade... sería unha mágoa.

Os representantes da fundación veñen insinuando que isto de manter dúas sedes na cidade ten un futuro incerto.

Pois é unha pena. Porque tanto o Centro Social como, por suposto, o Café Moderno son dous espazos importantísimos para Pontevedra. Historicamente, culturalmente, socialmente... En moitos sentidos. O ideal sería que funcionasen como o están facendo nos últimos anos, de xeito complementario.

Como pode ser que no estadio de Pasarón non fixera ‘mella’ a crise? Unha obra que pasou de estar presupostada en 7 millóns de euros a custar 16, e para o uso dun equipo de Terceira División.

Aí hai moitos temas sobre os que cabería reflexionar. En primeiro lugar, a obra como tal a min paréceme unha boa obra. Pasarón é hoxe un estadio que está moi ben. Outro asunto é o diñeiro que custou. Paga a pena investir aí eses cartos? Non sabería dicirche. Non teño nin idea das contas que fixeron o club, o Concello e a Deputación neste asunto.

O mundo do fútbol é un mundo á parte en todos os sentidos?

E quen é responsable de que así sexa? Todos. Encendes a televisión e o 50% do tempo, incluso dos informativos, está adicado ao fútbol. E os xornais que máis venden son os que se adican a cubrir todo o que acontece neste ou noutro equipo. Escoitas a todas as horas as opinións dun futbolista, que pode ser un rapaz que ten moito mérito no seu, pero tamén estaría ben escoitar opinións doutras persoas, quizais igual de preparadas noutros aspectos, esa mesma cantidade de tempo.

Que tal se leva vostede coa ministra Ana Pastor?

Moi ben, moi ben. Non temos moita relación, pero coñecémonos dende hai moitísimos anos e mantemos, penso, unha relación cordial.

Pois o ano pasado Fomento deulle varios desgustos: recortes no proxecto da Estación Intermodal da Coruña, paralización da Estación Central de Valencia...

Ben, en realidade o proxecto da Coruña é un dos poucos que seguen en marcha agora mesmo de todos os dese eido que estaban por facerse e que se pararon, entre eles, efectivamente, o de Valencia que mencionas. Nesta última cidade fíxose unha estación provisional e de momento arránxanse con iso.

Pasoulle a vostede o contrario que ao seu colega Santiago Calatrava en Valencia. A el supostamente dábanlle cheques en branco para realizar as súas obras, a vostede paralízanllas.

Si, pero el non lle cargaba as súas facturas a ningún ministerio, era á Comunidade Valenciana.

Que lle parece todo o que se lle reprocha a Calatrava?

Home, non vou ser eu quen diga que é un modelo a seguir. Hai moitísimos arquitectos moito mellores, baixo o meu punto de vista. Un sempre busca referentes no seu e para min el nunca o foi. Pero tampouco vou a tachalo aquí e agora de ‘besta negra’ nin nada parecido. Ata hai pouco era o mellor e hoxe ñe o peor. Non é así. Nin unha cousa nin a outra.

Vostede debuxoulle algunha vez a algún político un proxecto nunha servilleta? [Mónica Oltra, de Compromís, acusou no programa ‘Salvados’ a Calatrava de facerllo a Camps].

Non. Xamais fixen nada parecido. Presentar un proxecto a min lévame moito máis tempo. Eu as servilletas só as uso nos bares para limpar a boca.

Niemeyer si que sería un deses referentes dos que falaba antes.

Si, efectivamente. Oscar Niemeyer foi un dos grandes arquitectos do século pasado. Pero ademais considéroo un personaxe moi íntegro, moi sólido. Toda a súa obra é espectacular: dende Brasilia ata as últimas cousas que fixo.

Niemeyer aparecía en todos os resumos de novas do ano pasado. Como é o balance que fai vostede de 2012? Marcouno moito a crise?

A min sempre me pareceu moi importante facer boa arquitectura dentro dunha economía sostible. De feito, todos os meus proxectos teñen uns orzamentos moi axustados. E podo poñerche exemplos: un dos últimos, o Pazo de Congresos de Vigo, ten un orzamento de 1.100 euros o metro cadrado, que vén a ser o que se manexa en vivendas de protección oficial. Nun auditorio dese tipo multiplícase iso por dous ou tres habitualmente. Sempre perseguín facer obras o máis económicas posibles sen detrimento da calidade. Neste sentido, non se pode dicir que a crise marcara profundamente o que foi 2012 para min. Houbo moitos encargos que se mantiveron, aínda que efectivamente outros foron aprazados ou paralizados, como a estación de Valencia da que xa falamos ou o da estación do Prat de Llobregat, que foi outro concurso que gañei e que tamén permanece en ‘stand by’.

E en canto a 2013?

Pois estamos traballando no aeroporto de Vigo e na lonxa de Ribeira, dous proxectos que gañei en concurso. E ademais empezaremos seguramente este ano a construír a torre de control do aeroporto de Sharm el-Sheikh, en Exipto.

E aí está tamén a monografía que vén de publicar con Loft.

Que se atrasou precisamente porque quería pararme un pouco con ela e que saíra o mellor posible. Poñerase á venda nun mes ou cousa así.

Leva o cemiterio de Fisterra na portada. Vaise converter na súa obra máis emblemática. Desta tampouco lle preocupa o futuro?

Eu son optimista por natureza. Penso que neste tema hai hoxe consenso e que todo o mundo está de acordo en que hai que poñelo en funcionamento. É certo que ten unha serie de valores arquitectónicos e escultóricos que están aí, aínda que non se estree, pero non fas unha obra só para que sexa bonita, ten que usarse.

César Portela: ''Eu xamais lle debuxei un proxecto a un político...
Comentarios