viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

AÑÓN: "SE O PONTEVEDRA FAI UN MÍNIMO ESFORZO, VOU QUEDAR"

Europa chama á porta de David Añón e Bonilla

David Añón, no adestramento de Albacete, previo ao partido contra o Murcia
David Añón, no adestramento de Albacete, previo ao partido contra o Murcia
Ambos xogadores dispoñen de suculentas ofertas económicas de clubes doutros países

O mercado europeo chama á porta da Segunda División B. Varios xogadores do Pontevedra recibiron propostas para marchar ao estranxeiro nas últimas semanas, aínda non é unha opción prioritaria para eles.

É o caso de David Añón e Javier Bonilla, dous dos homes que máis protagonismo tiveron no Pontevedra no presente exercicio. Tanto o coruñés como o soriano dispoñen de propostas de escadras doutras ligas de Europa.

No caso de Bonilla, que xa militou durante unha temporada na Liga grega, expresou que o descarta completamente. "Al extranjero no me voy a marchar. Se trata de equipos de las primeras divisiones de sus países, que te ofrecen mucho más que en Segunda B. Pero solo por dinero no me voy a ir a ningún equipo", explicou este luns o lateral esquerdo a Diario de Pontevedra.

Nunha liña similar expresouse David Añón. "Hai equipos de fóra de España chamándonos. Igual che ofrecen dúas ou tres veces o que che pode dar o Pontevedra. Teñen un potencial económico grandísimo comparativamente", aclara o dianteiro.

Sen embargo, non é unha opción que Añón considere moi seriamente, xa que agora mesmo está pensando en seguir vestindo a camisola do Pontevedra. "É a miña primeira opción. Se fai un mínimo esforzo, vou continuar".

"Hai equipos de fóra de España chamándonos, que ofrecen dúas ou tres veces o que che paga o Pontevedra"

As chaves do comportamento do mercado internacional están vencelladas tamén aos intereses dos representantes. Dado que os orzamentos dos clubs de moitas máximas categorías nacionais de Europa son superiores aos da Segunda B, as comisións que poderían percibir os intermediarios tamén serían máis substanciosas, de modo que eles mesmos se moven nese terreo para realizárenlle propostas aos futbolistas. "Non o descarto de todo, pero a miña idea é seguir no Pontevedra. Malo será", apostillou Añón.

No plantel granate que rematou a temporada había varios futbolistas con experiencias internacionais. Eran os casos de Bonilla, no Aiginiakos grego, Abel Suárez no Politécnica Timisoara de Romanía e de Adrián Gómez no seu país natal, Arxentina.

A boa temporada realizada polos futbolistas granates e o feito de que o equipo acadase unha praza de play-off de ascenso fixo que algúns futbolistas mellorasen a súa cotización. A crecente informatización de tódalas ligas fai máis fácil o seguemento e a disposición de vídeos e datos dos deportistas.

Sen embargo, as vivencias dos deportistas lonxe de España non sempre foron satisfactorias, polo que a opción de marchar sempre lles xera dúbidas. Problemas de pagamento, ter que adaptarse a unha nova sociedade ou a unha liga completamente diferente, a cuestión do idioma nalgún caso e a distancia coa terra ou a familia son algúns dos elementos que barallan os deportistas e que ao final lles fan optar por continuar no balompé español, a pesar de dispoñer de menos diñeiro enriba da mesa.

Ao final, a resposta adoita ser negativa, como no caso de Añón: "Xa lle dixen que non a un par de equipos que amosaron interese".

Europa chama á porta de David Añón e Bonilla
Comentarios
ç