Exemplos europeos

Ás veces na eido político o uso que se fai dos nomes pretende enmascarar  unha ideoloxía política diferente. Penso, por exemplo, por mor das recentes eleccións xerais portuguesas, na denominación cosmética coa que conta o Partido  Socialdemócrata (PSD) de Cavaco e Manuela Ferreira, en realidade un partido de claramente de dereita, e tamén no Centro Democrático Social (CDS) de Paulo Portas, que se chega a situar case no espazo da ultradereita.

E ollando, sen ir máis lonxe, o noso Estado, vemos outros casos significativos, como o do Partido Popular e, sobre todo, o do Partido Socialista Obreiro Español. Coido que a estas alturas ninguén xa cre que estas siglas históricas e gloriosas indiquen a pervivencia dunha organización obreira ou obreirista. O que si aínda pode enguedellar a algúns cidadáns despistados é o seu adxectivo de socialista, ou se queren de socialdemócrata, aínda que este último termo se prostituiu tanto que a día de hoxe pouco significa. Quizá a denominación máis acaída para o PSOE sería a de Partido Liberal Español, porque en política económica, laboral e social non pasa dun posicionamento de centro liberal, sendo só algo progresista no referente aos dereitos civís polo seu moderado laicismo.

O curioso do Estado español é que este partido, que foi reconvertido por Felipe González nunha organización centrista, con amplos contactos na banca, no sector inmobiliario e no mundo da empresa, sexa aínda considerado por mor do pasmonería e da terxiversación mediática como de esquerda. Nin é de esquerda, como se veu con Touriño e agora con Zapatero, nin ten a menor sensibilidade galeguista, como se veu con Paco Vázquez e agora co Vázquez de Ourense, que xoga ao oportunismo co topónimo da Coruña.

O PSOE, aínda con máis motivos que o SPD alemán e o Partido Socialista de Portugal, tería que comezar un merecido declive se houbese unha boa información e se existise unha esquerda non subalterna del, organizada, sen contradiccións, con ganas de ir restándolle terreo e superalo a medio prazo. As organizacións políticas Die Linke en Alemaña e o Bloco de Esquerda en Portugal seguen ese camiño, obtendo ano tras ano maiores apoios cidadáns.

Aquí, os membros máis coñecidos das organizacións da esquerda estatal foron absorbidos vergoñosamente desde a transición polo PSOE, para pasaren a ser defensores do pensamento único e do neoliberalismo globalizador, adquirindo moitos deles status de millonarios. Mentres tanto, as pequenas organizacións de esquerda e nacionalistas conformáronse co mediocre papel de seren subsidiarias do PSOE.

E o único que fixo este partido a nivel local, autonómico e estatal foi ningunealas, aproveitarse delas e axudar a socavar os seus apoios electorais, por mor da política decepcionante das coalicións. Buscar un camiño propio e competitivo, e chegado o momento non pactar de calquera maneira e a calquera prezo, para cumprir de xeito rigoroso e leal un programa avanzado e progresista, pode ser a lección desta nova esquerda europea, que por iso recolle os apoios de amplos sectores da cidadanía, que aquí aínda seguen na orfandade e na desilusión escéptica.

Comentarios