Exerciterroristas

Imaxinen por un momento que o groso de ETA se atopa nunha grande urbe basca (v. gr., Bilbo, onde se atopaban os diminuídos cerebrais que veñen de atacar a delegación de EITB nesta cidade), e que desde a mesma dirixen os seus ataques contra do Estado español. Imaxinen que a resposta das autoridades do Estado é enviar alí ao exército a bombardear e lanzar ataques indiscriminados contra da poboación civil, militar ou gasterópoda, de xeito que os mortos comecen a se contar por centos e o caos asolague toda a bisbarra. Acho que calquera ser civilizado ficaría arrepiado e indignado a partes iguais diante de semellante atrocidade, agás os animaliños landreiros de sempre que todo o solucionan (?) a base de tanques e baionetas, como se viu non hai tanto co tema da reforma do Estatut de Catalunya, onde algún desfervoado pedía a intervención do exército para freala. A curiosidade é: como debería facelo? Sacando os tanques polas Ramblas? Ou botando misís cara ao Parlament desde o castelo de Montjuïc?

Ben, pois como máis dun ou dunha esperto/a lector(a) de certo que adiviñou, esta introdución vén a conto do xenocidio e crimes colectivos que estes días está a cometer o exército de Israel na franxa autónoma de Gaza. A excusa é tan ridícula como provocadora: responder aos ataques de Hamas aos israelís. Eis a introdución deste meu artigo. Se o exército dun estado se equipara a unha organización violenta, de xeito que emprega accións de guerra non xa contra dela, senón contra da poboación civil ubicada na franxa desde a cal actúa, ademais da salvaxada que iso supón, ten unha segunda lectura que coido non se lle escapa a ninguén: ou aceptan e lexitiman o terrorismo como forma de loita (ou sexa, terrorismo: causar terror indiscriminado entre aqueles/as alleos ao conflito); ou tratándose dunha acción militar no nome dun estado contra doutras forzas armadas, están a recoñecer implicitamente o feito diferencial palestino ao trataren a Hamas como o seu “exército” e a poboación á cal están a masacrar como “a súa poboación”. Resumindo, están a dar carta de recoñecemento ao Estado palestino.

Imaxinan, en definitiva, que nos países nos que houbo problemas de terrorismo, os estados reaccionasen como está a facer o Goberno criminal israelí? Coido que non durarían nin dous telexornais. Pero, e eis o fondal da cuestión, Israel is different. O estado hebreo (ou ebrio?) hai xa tempo que ten patente de corso para cometer as maiores atrocidades que se lles ocorran aos circuncidados cerebrais dos seus mandatarios, mexándose, como uns Fabras calqueras da vida, nos clamores que provocan en todo o mundo as súas barbaridades. Israel deixa patente con reiteración a hipocresía de ONUs, UEs e outros organismos que parece que nomealos e comezar a soar a novena de Beethoven xa é todo un, pero que diante destes feitos só reaccionan cun par de frases feitas, e até a próxima atrocidade, Lucas.

Con toda a intención, deixei fóra desta listaxe aos EEUU. Bo toque de pedra vai ter con esta salvaxada Barack Obama para estrearse como presidente. E non valerán medias tintas, pola sinxela razón de que os fascistas israelís non se andan con elas. Ou racha definitivamente con ese estado criminal (por moito menos anda Cuba bloqueada), ou compartirá complicidade máis ou menos porcentual con ese réxime asasino. E nese caso, o sonado “yes, we can” revirarase en “yes, we too”. Ou sexa, “nós, máis do mesmo”: amigos tradicionais dos “exerciterroristas” de Israel, a Chile de Pinochet, a Arxentina de Videla... Daquela, deámoslle unha oportunidade ao novo presidente. Xa que a outros lles deu por buscar armas de destrución masiva onde nada había, a ver se Obama se enfronta por fin cos destrutores masivos que para nada ocultan os seus arsenais.

Comentarios