Existir é producir?

Inditex vén de anunciar que fará unha ampliación das súas infraestruturas en Catalunya, creando daquela máis de cincocentos postos de traballo. Unha feliz noticia para a patria de Salvat Papasseit pero, máis aínda para nós porque se os patróns do país andan dándolle traballo aos de fóra iso debe significar que aquí acadamos aquilo ao que lle din pleno emprego e non nos decatamos. Vai ser, que aquela idea da vida como o espacio da existencia mudou cara a un slogan que lle acaía mellor a este “presente light tan divertido” do que falaba García-Bodaño. Un lema no que se diría algo como producir para existir. Cómpre nestes días lembrar que unha película gravada en catalá vén de gañar nove premios na festa da academia española.

Ao día seguinte Agustí Villaronga ofrece unha entrevista que o xornalista titula referíndose a  unha afirmación do director, segundo quen os produtores cataláns son máis arriscados. O maxín a pedais escápame do xornal que hai pousado na mesa para imaxinar se non quererá referirse ao feito de ter o seu cine unha industria nacional na que resultaría normal que só se atenda á calidade estética do produto para avalialo: un deses estados idílicos para as culturas asoballadas onde a utilización da lingua normalizada dun país non pode distorsionar (en sentido negativo nin tampouco positivo) a análise da obra de arte.

-Envexa? De que ho! Se nós tamén temos produtoras e, mesmo, capital transnacional.

É ben explicar que a tea tecida arriba coas cursivas pretende facer cavilar en algúns dos termos habituais nesa dialéctica mecánica, obtusa e cansativa coa que pretenden facernos desistir de entender como andan a bachear o que lles quedou do carreiro ao edén aberto por Adam Smith. Na miña televisión falaban dunha proposta legal para que nos xuízos ás persoas con discapacidade intelectual que puideron ser vítimas de abusos sexuais se utilice unha linguaxe máis sinxela da habitual hoxe en día. Ben, cando eles rematen nós temos que ver o procedemento para mirar se podemos levar adiante algo parecido para contra os facedores da dialéctica á que veño de referirme. Habemos xuntarnos para mirar de obrigalos a usar as palabras coas que se describe a dimensión toda do intento de desmantelamento dos nosos dereitos, deixando de escusarse como ata agora na súa discapacidade emocional.

Niso converteron os exisitires colectivos (incluídos os nacionais ou sucursal segundo falemos, por poñer exemplos aleatorios, de Galiza ou Valencia) creado ou simplemente instituído, que diría Anne-MaríeThiesse. Pois ben, cando contemplemos todos as regras fundamentais deste xogo seu á volta da vida nosa, haberá moito camiño andado na loita da semente por ser flor. Loita perenne, porque tal e como José Mario Branco afirmaba cando foi tomar un café á atalaia do soneto, convidado por Camões, se todo o mundo é composto de mudança, troquemos-lhe as voltas que aínda o día é uma criança.

Por certo, aquí a letra deitase de gosto.

Comentarios