Faecismo

Que este país galego foi vítima durante séculos dun longo esquecemento por parte daqueles que, desde lonxe, nin o gobernaban nin o deixaban gobernar, coido que é algo que non se lle escapa a ninguén. Que mesmo hoxe en día segue a estar –goberne quen goberne- en postos de descenso na liga autonómica arbitrada desde Moncloa, só o pode negar ou alguén moi submiso co que hai alén o Padornelo, ou alguén moi ideoloxizado, ou algún deses que, como dicía Castelao, “estarían mellor en Madrid ca no mesmo ceo”.

Sen embargo, ás veces non se sabe que é preferíbel: ser esquecido ou que se lembren de ti. Obviamente, a cousa dependerá de quen é o esquecedor ou o lembrador de turno. E a este noso país acontécelle o mesmo. Ás veces, un non valora o ben que se vivía esquecido por certos personaxes, até que a estes lles dá por asomaren os narices para tocaren os ídem.

Xa recoñecín no artigo anterior que non ando moi ben de memoria, anque si mellor ca outros que de “memoria”, só andan ben das dúas primeiras sílabas. Aínda así, ousaría afirmar que até hai dous telexornais, Galiza tivera a inmensa sorte de ser esquecida por esa fundación (ou fundición?) chamada abreviadamente (ou abrevadamente?) FAES, inspirada e presidida por José María Aznar (o único que pode presidir a estas alturas); e que ten como principal característica facer perder votos ao PP cada vez que emite un estudiño dos seus, e case sempre, cos mesmos efectos có pre-defenestrado Losantos: facer gañar a ZP cada vez que lle turra das orellas, e facer subir a Rajoy cando lle fai outro tanto.

Pois ben, nestes últimos meses, as mentes teorizantes da FAES dedicaron máis “estudos” a Galiza (dous) ca en toda a súa existencia xunta anterior (cero). E que casualidade, coincidindo coa estrea de Alberto Núñez Feijoo como presidente da res xunteira. Seguen, pois, na teima de adoutrinar aos seus discípulos e lles marcar ben as pautas cal Aznar transfigurándose no Tabor. E iso que Feijoo xa semella estar ben adoutrinado polo establishment de Xénova, pero mesmo así, cómpre telo todo atado e ben atado, como dicía o outro.

Comezaron por ese grotesco estudo sobre a normalización do galego (se é que algunha vez a houbo), á que cualifican de “experimento”. Non é cousa de aborrecer aos/ás lectores/as coa sarta de sandeces que aí se ceiban, pero se queren un resumo moi rápido, o cerne da cousa é o seguinte: para normalizar o galego sacáronse da manga un galego “inventado” que en nada ten que ver co galego que se fala na aldea, e polo tanto había que deixar que o galego, coma lingua aldeá que é, carecese de rexistro culto como o que ten calquera outra lingua normalizada. O galego, para a aldea, que para a cidade xa está o castelán, anque o castelán normalizado non admita cousas como “coger a los niños en el colo” ou “voy salir un momento”.

De seguido, recuncan con outra perla da que a súa conclusión fundamental é que “as políticas públicas frean o desenvolvemento económico de Galiza”. E teñen o estómago de ceibalo nestes tempos, nos que estamos a padecer as catastróficas consecuencias do “laissez faire, laissez passer” dun sector privado deixado ao libre albedrío dos non menos irresponsábeis gobernos occidentais. Claro que, poñendo de modelo como poñen a Esperanza Aguirre, explícanse moitas cousas.

Seica desde un punto de vista progresista hai que lle agradecer á FAES que ofreza esa imaxe tan grotesca da dereita. E até mesmo pode que dita imaxe xere un novo termo no vocabulario. Porque cando certas formas de entender as cousas poden marcar unha época, rematan por se converteren en sustantivos: Así, da etapa de Felipe González xurdiu o felipismo. Da de Aznar tivemos o aznarismo. E o día que se impoñan as teses da FAES, pois teremos… o faescismo.

Comentarios