"Falamos o mesmo dun lado e do outro"

No Bierzo recoñécense 23 concellos galegofalantes e ensínase a lingua en 18 centros educativos desde o ano 2002 ► A pesar disto, a falta de normalización en moitos eidos atenta contra os dereitos lingüísticos dos seus habitantes
Cartel con topónimos corrixidos
photo_camera Cartel con topónimos corrixidos

"Falamos o mesmo dun lado e do outro", afirma Alfredo de Arriba, alcalde de Barjas. E ese "mesmo" é o galego oriental, que prefire andar polo camín, e non polo camiño, ou vestir pantalois, e non pantalón, igual que no seu veciño Courel. Calcúlase que no Bierzo hai uns 25.000 falantes de galego, nun total de 23 concellos. Sen embargo, non todos teñen a consciencia de o seren. Á diglosia co castelán súmase a diglosia co galego estándar, e as dúas crecen nunha situación na que, a nivel legal, o galego no Bierzo non está recoñecido como cooficial.

Por iso, se na fala dos veciños é Arxenteiro, nas indicacións que coloca a Junta de Castela e León será Argenteiro. Ninguén atopará Barxas, Veiga de Valcarce, Campo da Lebre ou Ferrerías. Escrita, a lingua non existe, a non ser polas persoas que teimosamente a corrixen e por quen reivindica que se cumpra a Carta Europea das Linguas Rexionais, que recoñece a oficialización da toponimia, tal como é para os habitantes, segundo indica Héctor Silveiro, representante na Real Academia Galega do galego do Bierzo.

Nun contexto onde a lingua se restrinxe á casa, e a casa na que se fala se adscribe sobre todo ao rural, o esmorecemento do rural trae tamén consigo a súa falta de transmisión, que xa sucedeu en moitos lugares. "O Bierzo é o territorio do galego estremeiro onde se están perdendo máis falantes. Nos últimos anos houbo un baixón terrible", indica Silveiro, e comparte a impresión de que as administración deixan correr esa pinga de lingua que se verte, dende o Bierzo alto ata o val, sen facer nada. Porque, que mozos van falar en galego se non van ver recoñecidos os seus dereitos lingüísticos? o galego na escola.

O colectivo Fala Ceibe do Bierzo é un dos responsables, nos seus 20 anos de andaina, dos logros que ten acadado o galego no Bierzo. Un dos máis importantes foi a súa introdución na escola no ano 2002. Foron eles os que, a través de distintos grupos políticos —o BNG no Congreso dos Deputados e o PSOE nas Cortes de Castela e León—, conseguiron unha resolución a favor do ensino do galego no Bierzo. Para lograla, o Estatuto de Autonomía de Castela e León tivo que incluír a protección do galego nun dos seus artigos.

Hoxe estudan galego preto de 1.000 nenos en 18 centros de ensino da comarca do Bierzo. Sen embargo, Xabier Lago Mestre, o presidente do colectivo, declárase "moi crítico coa situación actual". Non é para menos. No colexio rural agrupado de Vega de Valcarce, a oito quilómetros de Galicia, non se imparte galego aínda. Isto supón un atentado contra os dereitos lingüísticos dalgúns rapaces, que tamén dende os concellos de Barjas e Balboa acoden ao centro, rapaces que falan galego na casa. "Isto pasaba xa nos primeiros anos da democracia, cando eu era neno. En Vilafranca querían impartir galego no centro, pero a petición fora denegada dende a Dirección Provincial de Educación. Eu cheguei a ver como se castigaba aos nenos por falaren galego", indica Héctor Silveiro. O recoñecemento dun concello como galegofalante (23 no Bierzo) non trae consigo a inclusión automática do galego no ensino, senón que son os pais os que teñen que solicitalo. "Pero ás veces nin sequera están ben informados por parte dos profesores", indica Mestre, e o ensino queda supeditado aos prexuízos lingüísticos.

Á problemática que suscitou esta tímida introdución do galego sumouse a perda da categoría de asignatura optativa que tiña na educación secundaria, relegada dende hai dous anos a extraescolar pola Lomce. Continuar estudando galego implica, en ocasións, ter que madrugar moito para asistir ás aulas, ou cambiar de centro. Unha maneira máis de discriminalo. Sen embargo, hai pais que seguen pedindo o ensino da lingua, incluso fóra da zona galegofalante. A semana pasada o Diario de León publicaba a petición do centro de primaria de Cubillos de Sil. Saben que aprendela é esencial para manter a súa cultura, pero tamén útil para entrar en contacto co mundo lusófono, ou para opositar en Galicia, tendo en conta que cursar a asignatura no bacharelato outorga un Celga III. "O feito de que a adscrición fora voluntaria foi interesante, para coñecer a vontade existente, pero que haxa algúns centros como o de Vega que aínda non o ofertan é sintomático de que o proxecto necesita unha revisión", indica Héctor Silveiro. Para o académico, o éxito do galego nos centros débese a pais e asociacións que loitaron pola lingua, e agora cómpren novos pasos para garantir os dereitos lingüísticos dos bercianos.

Comentarios