Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

Falcón e Pousseu dialogan en Pontevedra

Jaime Falcón (esquerda) e Agustín Pousseu, na sala de exposicións do Pazo da Cultura
Jaime Falcón (esquerda) e Agustín Pousseu, na sala de exposicións do Pazo da Cultura
A exposición 'Na beira do río', composta por máis dun cento de obras dos dous creadores, inaugúrase este xoves no Pazo da Cultura

"A pintura para min é toda a miña vida". Iso significa para Jaime Falcón (Cambados, 1942). "A pintura non a deixas, é algo que está metido dentro de ti". Iso é para Agustín Pousseu (Santa María-Río Grande do Sul, Brasil, 1958). As referencias ás lendas e ás imaxes de Pontevedra dos cadros do primeiro mestúranse coas árbores e os apuntes biográficos do segundo na edición deste ano da exposición Na beira do río. Diálogos na pintura, que se inaugura este xoves (20.00 horas, entrada libre) no Pazo da Cultura.

Jaime Falcón: "Eu a Pontevedra, a pesar de todo, quérolle moitísimo. Por isto esta mostra, despois de 20 anos sen expoñer aquí, é tan especial para min"


Máis dun cento de obras, realizadas ao longo das últimas décadas polos dous creadores, ambos afincados na capital da provincia, mestúranse nesta proposta, coa que o Concello dá por inaugurada a súa programacion cultural de outono e que permanecerá aberta ao público ata o 12 de novembro.

"Sen dúbida hai unha conexión entre nós", recoñece Falcón. "Eu penso que o noso traballo dialoga perfectamente entre si", indica Pousseu. "Aínda que tamén é verdade que temos motores completamente diferentes. Temos en común, por exemplo, que procuramos ser coñecedores da técnica, non a desprezamos, porque a consideramos clave entre quen quere ser un profesional da pintura".

Pousseu destaca que a súa obra está concibida moitas veces como un diario. "É como un diario pintado. O aspecto biográfico é fundamental no meu traballo. Penso que quizais é unha das diferenzas máis importantes con respecto a Falcón". Pousseu presenta máis de 70 obras entre pinturas e esculturas, ademais dunha instalación, "algo moi pouco habitual en min, pero que neste caso parece que mo pedía unha sala tan teatral como esta primeira do Pazo". Todo, realizado dende os anos 90 ata a actualidade.

Agustín Pousseu: "Á pintura non a deixas, é algo que está metido dentro de ti. No meu caso ten ademais un marcado carácter autobiográfico"


Menos se afastan no tempo as obras máis antigas da parte de Falcón, do ano 2000. O autor está representado por preto de 30 creacións de gran formato, cheas de referencias a Pontevedra. "Porque eu a Pontevedra, a pesar de todo, quérolle moito", di o artista, que levaba máis de 20 anos sen mostrar o seu traballo na cidade na que vive dende cativo. "Esta é, sen dúbida, unha exposición moi especial nese sentido". Segundo conta, a súa pintura ten un carácter onírico. "Fundamentalmente o que eu pinto son recordos, recordos que levo ao mundo dos soños. Quero envolver ao público cos meus soños".

 

Falcón e Pousseu dialogan en Pontevedra