Falece a mestra de inglés e escritora Alba Nélida Paz

É autora de obras como 'Contos e lendas da Lanzada' ou 'Memorias del río del olvido'
Alba Nélida Paz
photo_camera Alba Nélida Paz

A mestra e escritora Alba Nélida Paz Framil, autora do libro ‘Contos e lendas da Lanzada’, faleceu o pasado martes en Pontevedra, segundo comunicaron fontes da familia a través das redes sociais. Segundo as mesmas fontes, o funeral tivo lugar este xoves na igrexa de San Bartolomé, onde se celebrou unha misa cantada. Posteriormente procedeuse ao enterro no cemiterio de Noalla (Sanxenxo). 

Nacida en 1934 en Ourense, Alba Nélida Paz Framil comezou sendo mestra no rural para despois ensinar en institutos de Ferrol e Pontevedra. Na cidade exerceu durante anos como mestra de Inglés no IES Sánchez Cantón. Ademais de ‘Contos e lendas da Lanzada’, un volume que publicou ao mesmo tempo en galego e castelán e que ela mesma se encargou de traducir ao inglés, tamén era autora doutros títulos como ‘Funny Stories’, ‘Vivencias insólitas de una au pair’, ‘Memorias del río del olvido’, ‘El Meco y otras leyendas de O Grove’ ou ‘El navegante solitario, el hielo y el mar’, que escribiu en colaboración co navegante de Portonovo Suso Leiro. 

O volume que máis repercusión acadou foi o adicado á Lanzada, no que recompilou unha serie de relatos inspirados neste espazo e nas lendas que o rodean. "Lo que vi, oí, leí o me contaron estimuló mi fantasía", dicía sobre este traballo nunha entrevista publicada en 2006 en Diario de Pontevedra. 

O seu falecemento acadou onte repercusión nas redes sociais, onde lamentaron a súa perda compañeiros do Sánchez Cantón, como Anxo González Guerra, ou escritores como Alfredo Conde.

Comentarios