Feeling euroatlántico

Europa e Estados Unidos sentaron nas últimas semanas as bases dunha nova relación. Certamente, os cumios de Londres, da OTAN, e os numerosos contactos e encontros bilaterais soterraron o unilateralismo de Bush, abrindo camiño a un novo tempo onde pode primar unha cooperación sincera, se ben non exenta de contradicións.

As relacións transatlánticas encaran practicamente a mesma axenda (cambio climático, crise financeira, seguridade enerxética, loita contra o terrorismo e conflitos rexionais), pero non sempre haberá coincidencias á hora de orientar esa cooperación e ambas partes deberían asumir tal estado de cousas con pleno sentido da normalidade. A actual debilidade de Washington pode deixar translucir con maior énfase algunhas posicións europeas. Así quedou de manifesto, por exemplo, coa insistencia de Obama en promover o ingreso de Turquía na UE, mentres Sarkozy ou Merkel revalidaron o seu rexeitamento destacando as enormes diverxencias que existen na UE ao respecto.

Outro asunto central é Afganistán, Iraq ou a guerra contra o terrorismo, onde o empeño estadounidense é secundado por Bruxelas, pero con matices e cautelas que responden á necesidade de tomar en conta as respectivas opinións públicas, claramente reticentes ao envío de reforzos militares preferindo optar polo compromiso en asuntos humanitarios ou civís. O futuro dos presos de Guantánamo tampouco está claro de todo, se ben o xesto de pechar os cárceres secretos da CIA pode facilitar o entendemento.

A esencia da nova relación transatlántica, sempre baseada nunha identidade compartida de valores, radica nunha maior esixencia por parte de Washington aos socios europeos. EEUU admite xa que non pode con todo e promete unha relación de igual a igual, probablemente difícil de solidificar por non dicir imposible.

Os líderes europeos saúdan con interesado optimismo o liderado de Obama nos asuntos globais e semellan dispostos a secundalo, pero debe facerse con plans e obrigas concretas que definan os contidos e ritmos desa nova relación para que tantas expectativas poidan materializarse. Europa ten dado mostras abondo da súa incapacidade para desempeñarse con soltura no escenario internacional. Pero aínda admitindo a súa complexidade interna e limitacións está en condicións de contribuír de forma activa a evitar o temido fracaso na xestión da axenda común.

Comentarios