Feijóo gana y refuerza la mayoría

O PP logrou 41 escanos o 21-O e as urnas castigaron a PSOE e BNG. Pola súa banda, AGE deu a sorpresa e entrou na Cámara como terceira forza, co que Beiras retorna á Cámara galega

Tras meses de especulacións, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decidiu adiantar as eleccións autonómicas ao 21 de outubro, e non lle foi nada mal.


Celebrando a súa investidura cos compañeiros de filas (AEP)


O líder do PPdeG obtivo unha plácida maioría absoluta nunha xornada na que a sociedade galega avalou a xestión do seu Goberno e castigou con dureza os dous partidos da oposición,
ata o punto de que o PSOE perdeu sete deputados e o BNG pasou a ser a cuarta forza política, con 7 escanos.

O espectacular ascenso ao terceiro posto con 9 deputados de Alternativa Galega de Esquerda
(AGE), coalición de Beiras e EU, e a altísima abstención, a máis elevada nunhas autonómicas desde o ano 1997, foron as outras dúas claves que nos deixou o 21-O.

A vitoria do PP devolveu o partido a unha situación similar aos comicios previos ao Prestige, con 41 dos 75 deputados da Cámara. Os resultados supuxeron un importante apoio para un Núñez Feijóo que, a diferenza da maioría de presidentes autonómicos, parece inmune á crise. E é que, á vitoria sen paliativos do PPdeG, úniuse o trompazo dos dous partidos da oposición.

Quen non tivo éxito nas urnas foi o ex banqueiro Mario Conde, cuxo partido, Sociedad Civil y Democracia (SCD), non entrou no Hórreo. Tampouco Compromiso por Galicia (CxG), o outro partido nado das escisións do Bloque xunto ao Encontro Irmandiño de Beiras, obtivo representación.

Á hora de formar Goberno, Feijóo apostou pola continuidade e mantivo a todos os seus conselleiros, coa única remuda de Javier Guerra, a quen substituíu polo monfortino Francisco Conde á fronte da Consellería de Economía e Industria.

Tanto PSdeG como BNG recibiron o 21-O un severo castigo con consecuencias para o futuro de ambas as dúas formacións. No caso dos nacionalistas, o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, presentou a súa dimisión, se ben segue no cargo á espera dunha asemblea na que se elixirá o seu sucesor. No dos socialistas, Pachi Vázquez prometeu non ser “un obstáculo para o cambio” e por agora o lucense Gómez Besteiro xa se postulou para sucedelo no congreso.


Beiras volve á Cámara

O pasado 21 de outubro de 2012 deixou dous derrotados claros e un sorprendente novo inquilino na Cámara galega: o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras. Tras sete
anos afastado da política parlamentaria e logo de abandonar o BNG no mes de febreiro, aos seus 76 anos Beiras é o portavoz de AGE

ADEMAIS...
Operación ‘Pokemon’
Esta trama de corrupción levou por diante os alcaldes de Ourense Francisco Rodríguez [tomou a remuda Agustín Fernández] e de Boqueixón, Adolfo Gacio, e mantén en prisión o lucense
Francisco Fernández Liñares

José Luis Baltar

Despois de 33 anos en política,
22 deles á fronte da Deputación de Ourense, Baltar decidiu abandonar en febreiro e deixou
todo preparado a fin de que o seu fillo presidise o ente provincial, como así foi

Gerardo Conde Roa

Logo do escándalo que provocou a imputación do alcalde da capital galega por fraude fiscal, Conde Roa dimitiu no mes de abril insistindo na súa inocencia. Substituíuno no cargo Ángel Currás

Carmela Silva

A tenente de alcalde de Vigo e deputada do PSOE deixou uns meses a política por enfermidade. Antes mantivera un pulso co líder do PSdeG, Pachi Vázquez, ao non querer renunciar a un dos seus cargos para cumprir coa máxima un nome, un cargo

Comentarios