Feijóo recorda que a obriga de limpar o monte leva "10 anos vixente" e non ve ningún problema nos prazos

O presidente da Xunta avanzou axudas para persoal de limpeza forestal pero avisa que o propietario incumpre: "Empezando por min" 

Un traballador deTragsa limpando un monte. EP
photo_camera Un traballador deTragsa limpando un monte. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou aos concellos que a obrigación legal de limpar os montes "leva 10 anos" vixente, polo que non ve un problema o prazo do 31 de maio. En todo caso, anunciou novas axudas para que máis persoal traballe no ámbito forestal e puxo o foco nos propietarios. "Este é un incumprimento do conxunto do país, empezando por min mesmo", admitiu. 

Así se pronunciou após ser preguntado polas declaracións realizadas, nunha entrevista con Europa Press, polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, quen fala xa dun "plan B" ante a imposibilidade de cumprir o prazo de 31 de maio para que todos os particulares de Galicia limpasen as súas leiras, en cumprimento coa obrigación de manter unhas franxas de seguridade contra os incendios forestais. 

Respecto diso, Feijóo relativizou este prazo e lembrou que a lei da que se deriva tal obrigación aprobouse hai unha década. En todo caso, destacou o aumento da colaboración por parte do Executivo para financiar persoal que poida participar nas tarefas de limpeza e recoñeceu que mellora a implicación por parte dos municipios. 

"A Fegamp cada día ten máis sensibilidade e cada día os concellos teñen máis conta das súas propias competencias e compromisos", reflexionou o xefe do Executivo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. 

"Quédannos os propietarios. Porque se cada propietario cumprise a súa propia obrigación todos os concellos tiñan perfectamente solucionado o problema. Os concellos entran cando os propietarios incumpren; se cumprísemos, os municipios só teñen unha obrigación, a de limpar as franxas das vías municipais", esgrimiu. 

"Este é un incumprimento conxunto do país, empezando por min mesmo. Non sei se vostede é propietaria forestal ou non ou se ten algunha parcela forestal próxima ás casas. É un problema e temos que aceptalo: que non cumprimos coas nosas obrigacións no ámbito rural. No ámbito urbano si. Se cumprísemos, non farían falta tantos recursos, nin que vostede se molestase neste tipo de preguntas", respondeu á xornalista que lle preguntou respecto diso.

MÁIS DE 530 NOVOS TRABALLADORES. Á marxe, a Consellería de Economía e Industria informou no Consello da resolución da convocatoria do programa Aprol Rural para este ano 2018, da que se beneficiarán 539 persoas desempregadas de 253 concellos rurais galegos, 26 deles dos denominados concellos emprendedores.

Feijóo, quen desvinculou esta medida do prazo concreto do 31 de maio, remarcou que a Administración autonómica pretende impulsar con máis de 6 millóns de euros a contratación de desempregados, durante 9 meses a tempo completo, para que realicen tarefas de silvicultura, biomasa ou limpeza de montes. 

Esta convocatoria, na que unha das principais novidades foi priorizar aos bautizados como concellos emprendedores —aqueles que se adheriron ao convenio entre a Xunta e a Fegamp para fortalecer a captación de investimentos—, supón un 23 por cento máis de investimento, e un 26,8 por cento máis de contratos con respecto ao ano 2017. 

O obxectivo desta medida, incluída no Programa de formación e emprendemento non rural, é "mellorar as oportunidades laborais e fixar habitantes" nas zonas menos poboadas de Galicia.

CONVENIOS E BRIGADAS. Se nas súas declaracións Feijóo informou da autorización dunha serie de incorporacións aos convenios que ten subscritos a Consellería de Medio Rural cos municipios para a prevención e extinción de incendios. 

Deste xeito, este verán case o 90 por cento dos municipios galegos asinarían este acordo nalgunha das súas liñas de actuación: defensa contra incendios mediante a actuación de vehículos motobomba, tratamentos preventivos de forma mecanizada en vías de titularidade municipal ou a contratación de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa, e para traballos de prevención de forma manual. 

Após as incorporacións, o presidente constatou que haberá 278 concellos con convenio, dos que 204 contarán con brigadas propias. En total, haberá 290 brigadas despregadas en Galicia este verán a través destes convenios, que formarán parte do operativo de prevención e extinción. 

En canto ás motobombas, teranse 115 de titularidade municipal e até 18.203 hectáreas para rozar baixo estas subvencións da Xunta. 

En total, Medio Rural investirá 11,7 millóns de euros nestes convenios, orzamento que se poderá incrementar no caso de que se sumen novos municipios. De feito, a Xunta móstrase aberta a seguir sumando municipios até chegar "ao cento por cento" co fin de "axudarlles" nas súas obrigacións.

CONSELLOS REGULADORES. Na área rural, o Consello tamén aprobou as axudas para gastos de funcionamento dos consellos reguladores. Neste exercicio mantense o orzamento de 480.000 euros, que se distribuirá entre 24 entidades que xestionan as indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas en Galicia. 

O Goberno galego, así mesmo, autorizou a aceptación da cesión dunha parcela no Saviñao para construír o seu centro de saúde e deu luz verde á Deputación de Lugo e ao Concello da Fonsagrada para o intercambio da titularidade de varias estradas. 

Comentarios