Feiras Novas

O Concello de Ponte de Lima sitúase na rexión Norte portuguesa, a só 41 quilómetros da fronteira de Tui. Constitúe a vila máis antiga de Portugal, pois a raíña Dona Teresa de León, nai do primeiro rei luso Don Afonso Henriques, outorgoulle esa consideración en 1125. O río Lima, nado na Galiza, atravesa as súas terras, e unha longa e fermosa ponte de orixe romana, encravada no centro da poboación, permite aínda cruzalo. Por alí pasa desde hai séculos o Camiño de Santiago. A vila conta nun edificio histórico cun albergue de peregrinos moi concorrido. As igrexas, entre as que sobresae a Matriz, e as casas señoriais, de fachadas góticas, barrocas e neoclásicas, conforman un casco histórico singular e con moito feitizo.

En Ponte de Lima celébranse as sonadas festas das Feiras Novas, as máis grandes do Norte de Portugal, desde que o rei Don Pedro IV as establecese en 1826. O segundo fin de semana de setembro e durante tres días, a Cámara Municipal organiza unhas impresionantes xornadas festivas nas que participan centos de homes e mulleres das cincuenta e unha freguesías do Concello, vestidos cos coloridos traxes minhotos. Centos de postos de venda, entre os que se salientan os de artesanato e de produtos alimenticios da zona, como os doces e os fumeiros de carne, cobren máis de dous quilómetros dunha beira do río Lima. A música das concertinas -acordeóns-, moi populares nesta zona, e das gaitas enchen cos seus sons de día e de noite calquera recuncho da vila. Unha chea de bandas populares e de 'Zés-Pereiras' ou folións, cos seus instrumentos de percusión, concertinas e gaitas, percorren as rúas do centro entre o multitudinario e participativo público procedente de todo o Norte portugués. Trátase dunha festa arraigada e popular, na que prima a participación dos veciños e veciñas, sen a típica orquesta de verbena profesionalizada dos nosos lares.

Estas festas naceron, como indica o seu nome, a partir da feira correspondente. De feito un dos gandes atractivos delas, aínda consiste en ir o sábado á mañá a ver o gado que se vende e concursa: vacas de raza barrosá e cachena, e puros cabalos garranos -ás que nós denominamos facos galegos- das serras da Arga e da do Gerês. Labregos e labregas vestidos cos traxes do Alto Minho terman de vacas adornadas con fitas de cores e con xugos tipicos. Despois desfilan por fóra do recinto feiral. Á tarde, desenvólvese unha interesante corrida de cabalos garranos ou celtas.

O acto máis espectacular das Feiras Novas é o completo e emotivo cortexo etnográfico que se celebra o sábado. Centos de limianos van riba de camións e en remolques representando os distintos oficios e actividades agrícolas, mentres desfilan homes e mulleres cos traxes típicos e os 'Zés-Pereiras', encabezados por un xigantón masculino e outro feminino, tocan e bailan a música popular. Notáse en cada acto o povo limiano orgulloso e entusiasmado coa súa rica cultura popular, tamén coa súa gastronomía, na que destacan os viños verdes e o arroz de sarrabullo.

Desde hai tempo tiña ganas de coñecer estas festas, e este ano puido ser. E podo  asegurar que non me decepcionaron. Recoméndollas a calquera galego ou galega. Asistir ás exemplares Feiras Novas permite vivirmos o folclore e a cultura antropolóxica e popular dos portugueses do Norte, tan próxima da nosa e, porén, sendo nosa, tan descoñecida e pouco valorada por nós.

Comentarios