A Festa do Viño Tinta Femia volve a Bueu tras sete anos de ausencia

A Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu celebrará a décimo terceira edición do evento esta fin de semana en Cela
A Praza de Abastos de Bueu acolleu este luns a presentación oficial da XIII Festa do Viño Tinta Femia de Cela
photo_camera A Praza de Abastos de Bueu acolleu este luns a presentación oficial da XIII Festa do Viño Tinta Femia de Cela

A parroquia de Santa María de Cela acolle esta fin de semana a XIII Festa do Viño Tinta Femia, que se recupera tras sete anos de parón pola Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu.

Este evento parte dunha excursión que estes colleiteiros realizaron ao Barbanza, cando propuxeron retomalo. Así o anunciou este luns o presidente da asociación, Fernando García Cendón, durante a rolda de prensa que se celebrou na Praza de Abastos da vila, na que estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Silvia Carballo; o deputado de Cultura, Xosé Leal e o debuxante e autor das viñetas de O Bichero, Luís Davila.

García Cendón quixo dar as grazas aos responsables locais e provinciais polo apoio mostrado para que este evento se levase a cabo da mellor forma posible, e tamén tivo unhas palabras para os adegueiros, que son a alma do proxecto, que se agarda que siga medrando e consolidándose nas vindeiras edicións.

Pola súa banda, Xosé Leal destacou a colaboración da Deputación coa impresión da cartelería (un cartaz da autoría do pintor José María Barreiro Gómez e outro de Luís Davila) e a subvención das actuacións musicais a través do Pontegal, e Silvia Carballo agradeceu "a recuperación desta festa que destaca un produto que todo o mundo recoñece".

PROGRAMACIÓN. O programa que se presenta é moi variado e abrirase o próximo venres, 1 de xullo, ás 19.00 horas, e seguidamente terá lugar a actuación do Dúo Acordeóns Manolo e Ramón e ás 21.30 horas é a quenda da foliada do grupo de gaitas Retrouso de Cela.

O sábado ás 13.00 horas terá lugar unha homenaxe póstuma ao primeiro presidente da festa, Evencio Parada Malvido, para dar paso despois ao pregón a cargo do debuxante Luís Davila, quen xa adiantou que loará "este viño e as anécdotas nacidas grazas a el".

En torno ás 14.00 horas, actuará a Asociación Folclórica Recordos da Nosa Terra e xa pola noite a Agrupación Retrouso de Cela acompañará aos asistentes.

O domingo péchase o programa cunha actuación a cargo da Coral Polifónica de Cela ás 13.00 horas, un sorteo dunha caixa de viño Tinta Femia ás 17.00 horas, e premios e homenaxe aos colleiteiros ás 19.00 horas.

NOVA ETAPA. A Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu faise cargo da organización deste evento por primeira vez este ano, xa que anteriormente eraunha asociación vecinal ha encargada de programala. Os organizadores desta edición reuníronse no mes de marzo co alcalde de Bueu, Félix Juncal; a concelleira de Turismo, Silvia Carballo, e o responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, a fin de solicitar o apoio do Concello buenense e da institución provincial para a celebración desta cita con esta variedade de viño, que presume de ter características propias.

Os responsables da entidade tamén se reuniron na Casa da Cultura de Cela con produtores e interesados en participar neste evento. Ambos encontros permitiron evaluar o potencial da celebración, así como o tamaño da carpa que se instalará no recinto e o número de stands que ofrecerán o produto estrela da celebración.

En todo caso, os organizadores emprenden esta nova etapa da festa coa intención de que o evento consiga tanta ou máis repercusión e afluencia de público que nas anteriores edicións.

Na XII Festa do Viño Tinto Femia, que se celebrou no verán de 2009, se deron cita no recinto de festas de Cela once bodegueiros, cifra que superaba á da anterior edición.

A variedade coa que se elabora o viño tinta femia é propia da parroquia, aínda que algúns estudos a emparentan coa uva caíño tinto. De feito, en canto á variedade buenense existen datos de que a cepa nai foi plantada a finais do século XVIII.

Con esta nova convocatoria, a Festa do Viño Tinta Femia de Cela abre unha nova oportunidade para recuperar o evento do producto propio da parroquia buenense.

A música tradicional amenizará o encontro entre os amantes deste produto típico da parroquia buenense

Comentarios