Fin da clase media

Xa dicía o grande Aristóteles na súa 'Política' que a existencia dunha extensa clase media evitaba as revolucións. E así pasou nos países occidentais máis desenvolvidos nos anos posteriores á segunda guerra mundial, nos que o seu predominio impediu en termos prácticos e de ideas calquera tipo de cambio político fóra do sistema capitalista. O pretérito 'welfare state' ou Estado de Benestar europeo apoiábase nunha numerosa clase media e na política keynesiana de contido social da socialdemocracia e da democraciacristiá, que permitía unhas condicións de vida e laborais aceptábeis e un considerábel consumo familiar. Naquel contexto o espazo sociolóxico e electoral ocupado polo centro político era o determinante.

Coa globalización, coa actual crise económica e co drástico axuste estrutural neoliberal que se está a levar adiante xorde unha nova orde social, na que a clase media se está extinguindo e o resto da sociedade se vai bipolarizando entre o extremo maioritario da clase baixa, formada por proletarios e neoproletarios, e unha clase alta moi minoritaria, cada vez posuidora de maior riqueza e control sobre o poder político. As desigualdades económicas e sociais van en aumento chegándose á aberración de que o reducido número de individuos da vixente plutocracia planetaria, propietaria de bancos e grandes corporacións, estase quedando cos recursos e a riqueza do mundo enteiro. Este minoritario, antidemocrático e desalmado sector son hoxe en día os verdadeiros amos do mundo.

As dúas grandes correntes políticas existentes, a dos autodeminados partidos populares, por unha banda, e a dos mal chamados partidos socialdemócratas, contribuíron á desaparición da clase media coas súas prácticas neoliberais de  apoio aos grupos financeiros e as súas políticas fiscais na que os recursos se sacan basicamente dos impostos indirectos e das rendas do traballo, e non nas do capital. Coas súas actuacións fan que ano tras ano aumente a porcentaxe de pobreza e que a clase baixa, engrosada por antigos efectivos da clase media, sexa xa a máis numerosa.

Nada volverá a ser igual que antes da crise. A clase media non parece que se vaia recuperar nin tampouco o seu nivel de consumo. O funcionariado, que constituía ultimamente o seu último reducto, proletarízase. A pequena burguesía comercial, que para Marx era o cerne da clase media, afúndese coa competencia desleal das grandes superficies. E os sectores de profesionais con estudos universitarios, que para o sociólogo Max Weber formaban a base clase media, convértense en mileuristas, empregados eventuais ou desempregados de longa duración. E os poucos efectivos de máis idade que aínda se manteñen en mellores circunstancias laborais están hipotecados até as cellas polas vivendas adquiridas e afogados por formaren cos seus limitados recursos o colchón social protector da súa prole inactiva ou precarizada.

Enxérgase un futuro con menor cualidade de vida, porén, con inseguridade pública e incertezas vitais crecentes. Os soños do consumo e do ascenso social serán máis inabordábeis. E o neoproletariado mileurista desclasado e resignado, homes-masa no sentido orteguiano, posibelmente opten pola realidade virtual da televisión antes que pola convulsión ou a intervención política.

Comentarios