Fin de ciclo en Xapón

A decisión de convocar eleccións xerais anticipadas era longamente agardada en Xapón. Taro Aso, o actual líder do PLD, prolongou esa agonía confiando en que serviría para gañar tempo e credibilidade ante a opinión pública.

Pero os resultados dos comicios en Tokio e as enquisas sobre o seu nivel de popularidade facían insostible unha situación que se ven deteriorando de forma imparable dende que Junichiro Koizumi abandonou en 2006 un goberno que lideraba dende 2001.

Dende entón, nin Shinzo Abe, nin Yasuo Fukuda, nin Taro Aso, todos eles breves sucesores, lograron subverter a tendencia decrecente da influencia electoral, lastrada por unha sucesión inacabable de escándalos e o empeoramento da situación económica. O PIB do país caeu a un ritmo do 15,2% anual no primeiro trimestre de 2009.

Xapón está ás portas dun cambio histórico, equivalente en significado á revolución meiji, dicía o líder do PDJ, na oposición, quen podería asumir o goberno tralo 30 agosto, liquidando máis de cincuenta anos de dominio incontestable do PLD na escena política.

De darse, esa mudanza non achegaría grandes cambios na política nipona, salvo quizais no eido da ética, onde o electorado esixe un claro punto e final. Pero no económico, o modelo é practicamente o mesmo aínda que poida haber matices de relativa significación.

No plano internacional, cabe esperar dos demócratas nipóns unha mellora nas relacións coa China, sen cuestionar por iso a transcendencia da alianza con EEUU. Serán eles os que apandarán co trago amargo de deixar de ser moi pronto a segunda economía do mundo.

Pero a principal clave en Tokio é cómo facer de Xapón un país 'normal', sacudíndose o sambenito da II Guerra Mundial e facendo asumir a todos, dentro e fóra, que esa historia é auga pasada e que agora toca asumir un nivel de presenza e protagonismo acorde coa súa significación económica global.

Esa reivindicación, liderada con forza por Shinzo Abe en 2006, promovendo a creación do ministerio de defensa e a revisión constitucional, segue na axenda e esperta receos nos países veciños que lembran as atrocidades das tropas niponas e denuncian as lagoas do seu arrepentimento.

É nese aspecto onde o Xapón que amañeza en setembro pode dar primeira conta do significado histórico da alternancia, deixando de poñer pegas á asunción das súas responsabilidades e conxurando o pesado herdo que aínda resta daquel fascismo. Sería un bo comezo.

Xulio Ríos é director do IGADI (www.igadi.org)

Comentarios