Fina Casalderrey e Francisco Castro fanse cun premio Frei Martín Sarmiento

SANTIAGO. A escritora pontevedresa Fina Casalderrey foi unha das gañadoras dos premios Frei Martín Sarmiento, que votan alumnos de centros escolares galegos. O recoñecemento veulle pola obra que escribiu a catro mans xunto a Francisco Castro, ‘O neno can’.

A Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos (Ferega-Ceca) entregan onte os premios do certame deste ano, nun acto no que participaron os secretarios xerais de Política Lingüística, Valentín García, e de Cultura, Anxo Lorenzo.

Na décima edición, resultaron galardoados en educación Primaria ‘A pomba doa paz’ (Xerais), de Ramón Caride, na categoría de primeiro e segundo cursos; ‘O monstro das profundidades’ (Everest), de Manuel Uhía, na categoría de terceiro e cuarto ; e ‘A verdadeira historia da mosca da tele’ (Galaxia), de María Solar, na categoría de quinto e sexto.

secundaria. En Secundaria, os gañadores foron Xesús Fraga, pola obra ‘O elefante branco’ (Edicións do Tambre); Fina Casalderrey e Francisco Castro, por ‘O neno can’ (Galaxia); e Pedro Feijoo, por ‘Os fillos do mar’ (Xerais), na categoría de Bacharelato e adultos.

Anxo Lorenzo felicitou ao alumnado polas obras escollidas e polo «entusiasmo para celebrar algo tan noso e tan importante como é a literatura en lingua galega». Tamén lles trasladou a «importancia e o valor da lectura», así como de ter «libros interesantes ao alcance», como os seleccionados este ano.

Pola súa banda, Valentín García destacou a importancia dos premios Frei Martín Sarmiento para promover a lectura en galego no ámbito escolar.

Comentarios