A 'Fórmula 1 do aire' chegará a Bueu da man dos maestros dos drons

No evento, que coincidirá co SonRías, competirán 32 pilotos, dos cales a metade son galegos
O alcalde cos organizadores, onte, no Concello.
photo_camera O alcalde cos organizadores, onte, no Concello.

A celebración da primeira exhibición-competición de drons de carreiras de Galicia terá lugar en Bueu. Así o presentaron no salón de plenos da Casa do Concello o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e os concelleiros Fidel Castro e Silvia Carballo. Tamén estiveron presentes Antonio Castelo e Manuel Rodríguez, presidente e secretario do AeroDronClub, e Joan Lesma, presidente DDC Drones de Carreras.

Esta cita, que terá lugar a primeira fin de semana de agosto, coincidirá co Festival SonRías Baixas. O rexedor da vila, Félix Juncal, destacou que "ano a ano hai máis motivos suficientes para celebrar novas probas en Bueu, nas que teñen un papel importante os clubes impulsores".

O youtuber Rafa Cruz moderará unha mesa redonda moderada na que participarán os pilotos

Joan Lesma destacou que o seu club conta con máis de 10.000 pilotos rexistrados e que nesta exhibición competirán un total de 32, dos cales a metade serán pilotos galegos.

Pola súa banda, Manuel Rodríguez, secretario de AeroDronClub, foi o encargado de explicar a programación para esta data, na que dende o venres, día 4 de agosto, ás 10.30 horas, quedará listo o trazado do circuíto, a dirección da carreira e os boxes, así como a configuración dos drons. Entre as 18.00 e as 22.00 horas dese día haberá adestramentos libres e cronometrados.

Ao día seguinte, entre as 10.00 e as 13.00 horas continuarán os adestramentos, pero se desenvolverán outras actividades paralelas. Por exemplo, de 10.30 a 12.00 horas, haberá un obradoiro de iniciación ao voo de drons recreativos e deportivos. Máis tarde, de 12.30 a 13.30 horas, o youtuber Rafa Cruz moderará unha mesa redonda moderada na que participarán os pilotos. Nela, debatirase sobre o mundo das carreiras de drons e o seu funcionamento. Para rematar a mañá da xornada principal do evento, exhibiranse os voos acrobáticos e de freestyle.

A participarción de Rafa Cruz non se quedará aí, pois pola tarde impartirá unha charla sobre o mundo dos drons, sobre as 18.00 horas, seguida dun encontro no que o youtuber interactuará co público asistente mediante entrevistas e retransmisión en directo dende a súa canle.

Finalmente, entre as 19.00 e as 21.00 horas, desenvolveranse as carreiras de drons, seguidas da entrega de premios aos gañadores.

Comentarios