Fornelos de Montes adícalle un premio de poesía a Manuel Lueiro Rey

PONTEVEDRA. Os veciños de Fornelos de Montes recuperan a figura de Manuel Lueiro Rey e a súa vinculación co concello a través dun premio de poesía co nome do autor. O certame presentarase oficialmente o 29 de xullo nun acto literario.

«As bases e a convocatoria vanse publicar con posterioridade a este acto, pois pretendemos que o fallo e a entrega do premio sexa en abril próximo, mes no que Lueiro naceu», explica a través do correo electrónico Carmen Carreiro, da Asociación de Veciños o Cruceiro da Laxe.

Segundo di, levan arredor dun ano tratando de rescatar para Fornelos a figura de Manuel Lueiro, orixinario deste concello, aínda que profundamente vinculado ao Grove. Ao existir xa un premio de novela, optaron polo de poesía.

A intención dos veciños é confeccionar un programa arredor de Lueiro, que inclúa unha feira de libro galego descatalogado, actuacións de gaiteiros amenizando o ambente polas rúas e recitais poéticos, entre outras cousas.

Comentarios