Fragadas e fiscaladas

Vanme desculpar que sexa pesado co tema, ou que sexa pesado en xeral polo simples feito de existir, pero é que dá moito xogo o histéricos e/ou histriónicos que se poñen algúns cando xorden certos temas que serían algo normal en calquera democracia que se prece de selo.

Unha vez máis, esta dereita que marcha ofendidísima cando a relacionan co réxime anterior, reacciona como un resorte cando o xuíz Garzón inicia un simples proceso de depuración de responsabilidades e devolución da dignidade aínda non restituída a executores e vítimas respectivamente da represión franquista. Os medios de infamación (que non de “información”) da dereita máis ultramontana xa cualifican o auto do xuíz Garzón de “garzonada”. Ben, pois supoño que coa mesma (des)lexitimidade léxica, poderá un servidor falar de “fragadas” e “fiscaladas”.

A “fragada” (obra e acción propia –e intransferíbel, engadiría eu- de don Manuel Fraga) consiste en cualificar de “disparate” a iniciativa de Garzón, el, precisamente el, que nos deixou por herdo da súa cordura o marrón do Gaiás. Di don Manuel que é un “erro gravísimo” resucitar “problemas do pasado”. Pois se é para arranxalos, máis vale tarde ca nunca. E sobre todo, se é para evitar que volvan pasar. Temo que o que teme a fragada é que quede en evidencia a transición da señorita Pepis que nos guindaron, e da que o de Vilalba ten non pouca participación, do bo e do malo.

E a “fiscalada” consiste en recorrer o auto aludindo a que o que Garzón pretende xulgar… xa prescribiu coa Lei de Amnistía de 1977! Co cal, o señor fiscal da Audiencia Nacional, ou coxea lixeiramente do lado dereito, ou non a leu en exceso. Porque dita lei concede amnistía a delitos de intencionalidade política, rebelión e sedición, obxección de conciencia, denegación de auxilio á Xustiza, expresión e opinión, ou delitos e faltas da administración e funcionarios co gallo da investigación e persecución dos actos amnistiados. Pero di moi claramente no seu artigo 1.c que os actos políticos amnistiados serano “sempre que non supuxesen violencia grave contra a vida ou a integridade das persoas”.

Co cal, un servidor quédase –neste caso- coas “garzonadas”. Porque unha cousa é amnistía, e outra, amnesia. Sobre todo, interesada.

Comentarios