Pois hoxe recoñézoo con total sinceridade. Francamente, non sei que opinar da cuestión. Francamente, son un océano de dúbidas. Francamente, hai cousas que non me rematan de encaixar no tema.
E o tema é o seguinte: Coido que saben que o pasado xoves, case todos/as os/as deputados/as do PP no Parlamento galego abandonaron os seus escanos logo de que o deputado do BNG Carlos Aymerich afirmase que os políticos ‘populares’ “veñen do franquismo”. A miña dúbida é como valorar a reacción das señorías conservadoras. Francamente.
Porque pensemos na primeira das hipóteses: se os membros “pepeiros” da Cámara deixaron os seus asentos, foi porque se sentiron ofendidos. Foi porque os ofende que lles chamen “franquistas”. Daquela, teñen toda a razón en deixar os seus lugares. Como a terían se no último congreso do PP en Valencia, os congresistas abandonasen os seus postos no momento de intervir Jaime Mayor Oreja, o grande valedor da “pracidez” franquista como principal argumento para negarse a condenar o réxime ditatorial do retaco. Pero desta volta non foi así, vaia por Deus. Ficaron, ficaron, abofé. E mesmo aplaudiron.
Do mesmo xeito, entendería esa ofensa se os edís do PP de Beade fixesen fronte ao seu alcalde mentres este siga a lle facer misas a Franco e apoloxía reiterada do franquismo. Pero segundo as miñas novas, ningún concelleiro deste consistorio ourensán deixou ofendido o seu asento no pleno diante da presenza dun alcalde confesamente franquista.
E que dicir de don Manuel. Son de todos/as coñecidas as súas louvanzas ás bondades do ferrolán menos reconvertido de todos os tempos. Pois cómpre non esquecer que don Manuel foi o xeneral en xefe de todo o PP galaico ao longo da década dos 90 e case media dos 00. Non coñezo ningún pepeiro que marchase ofendido do partido ao ter de presidente a un apoloxeta do réxime anterior.
Daquela, unha de dúas: ou estivo ben unha cousa, ou mal a outra. Se estivo ben que os/as deputados/as do PP deixasen o seu escano o xoves, estivo mal a súa condescendencia con todo o anteriormente exposto. E viceversa, claro. Daquela, eu non sei con cal das dúas opcións quedarme. Francamente, señorías.