A Fundación Novas achega 1.500 euros para materiais ao colexio de Beluso

Ademais concede 350 euros de axuda para financiar a semana cultural do centro
Acto de entrega dos cheques ao centro escolar
photo_camera Acto de entrega dos cheques ao centro escolar

O presidente da Fundación Novas, Jesús Portela, entregou este xoves dous cheques por importe de 1.850 euros ao Ceip Montemogos de Beluso, co obxectivo de que os destine á adquisición de diverso material electrónico e á financiación de actividades formativas e culturais que organiza cada ano o centro. No acto, ademais do responsable da entidade e da directora do colexio, Vanesa Carballo, tamén estiveron o alcalde, Félix Juncal, e os concelleiros Silvia Carballo, Teresa López e Fidel Castro.

Por unha parte, a Fundación aporta 1.500 euros para a compra de material audiovisual, xa que como consecuencia dun roubo o centro perdeu as cámaras e as tabletas coas que contaba para as actividades formativas do seu alumnado. Por outra, tamén achega 350 euros de axuda para levar a cabo a xa tradicional semana cultural que organiza o colexio da parroquia de Beluso.

A entidade comezará un programa para dar a coñecer a figura do seu benefactor, José Novas Regueira

O presidente da Fundación, creada no 1993 por José Novas Regueira, aproveitou o acto para lembrar que na actualidade esta entidade continúa a financiar o acceso a internet da biblioteca da Casa do Pobo de Beluso, onde tamén substituíu esta semana a antiga fotocopiadora en branco e negro por unha a cor. Ademais, tamén colabora coa Cultural Deportiva de Beluso de fútbol, co Club Náutico de Beluso, co Festival Internaticional de Curtametraxes de Bueu, entre outros.

Así mesmo, Portela anunciou que a Fundación ten como obxectivo próximo dinamizar a páxina web e dar a coñecer máis a figura de José Novas Regueira, que foi o responsable do proxecto ata o 2003 e o benefactor que permitiu a súa creación e que poida seguir a financiar este tipo de iniciativas.

A Fundación mantén o seu compromiso social e a idea primeira de José Novas cando a creou: axudar na educación e no fomento de iniciativas culturais. Neste sentido, Jesús Portela vai participar nunha charla organizada no marco da semana cultural de Beluso, para dar a coñecer a figura do seu tío, José Novas Regueira. Ademais, en próximos exercicios a entidade tentará achegar máis ordenadores ao centro escolar.

O alcalde, Félix Juncal, pola súa parte, mostrou o seu agradecemento por esta "colaboración coa cultura e a educación que ano a ano realiza a Fundación Novas".

Comentarios