Galicia celebra o 50 aniversario do Día das Letras Galegas

Mañá é o día grande da nosa cultura. En palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, pre­sidente da Real Academia Galega,  “polo seu carácter popular e participa­tivo, o Día das Letras Galegas é a maior festa cultural de Europa”. Nesta ocasión, a xornada cumpre 50 anos de celebración e a RAG im­pulsa un amplo programa de acti­vidades que concluirá cun acto final na praza coruñesa de María Pita.

O Día das Letras Galegas non culminará o 17 de maio, senón un mes máis tarde, o 16 de xuño. A Coruña, sede da RAG e cidade de fonda tradición gale­guista, será o escenario final da celebración cun acto fantás­tico durante o cal unha represen­tación de alcaldes lerá textos dos autores homenaxeados nestes 50 anos.

O escenario será a praza de María Pita, que aparecerá cultivada de forma simbólica por escolares procedentes de toda Galicia como unha horta de pala­bras, construída para a ocasión con fo­llas de camelia e terra das casas de Ro­salía e de Curros Enríquez.

A historia do 17 de maio
O Día das Letras Galegas penetrou no con­xunto da comunidade e contribuíu á súa norma­lización. A través destes 50 anos podemos ver a nosa historia re­cente: fran­quismo final, transición á democracia e recuperación da autonomía e as liberdades.

A quen se lle oco­rreu a iniciativa foi a Francisco Fernán­dez del Riego e a Xaime Isla Couto, re­cente­mente  falecidos. Ambos, su-pervi­ventes na Galicia interior daquel Par­tido Ga­leguista liderado por Castelao du­rante a 2ª Repú­blica e promotores da Edito­rial Galaxia, conseguiron non só que a Real Aca­demia Galega fixese súa a convo­catoria, senón que esta non tardase en ser asumida pola poboación ata se converter na festa maior da cultura galega. Escolleron o 17 de maio de 1963 porque se cum­prían cen anos da edi­ción de Cantares ga­llegos de Rosalía de Castro, o libro funda­cional do Rexurdi­mento e da literatura ga­lega con­temporánea.

O éxito do Día das Letras Galegas tampouco se pode entender sen a contribución dos partidos políticos que crean as novas xeracións, así como, e moi ligadas a estes, as asociacións culturais activas por toda a xeografía galega e mesmo na emigración.

O día esten­deuse a am­plas capas da poboación e ás novas xera­cións e acadou plena celebración no ámbito educativo e no mo­vemento estudantil dos anos sesenta e setenta. Así, a xornada do 17 de maio centrou cada ano un amplo pro­grama de actividades con exposicións, recitais de música e poesía, confe­rencias e representa­cións de teatro, ata xerar unha diná­mica que o franquismo non foi quen de frear.

Visto así en perspectiva, o Día das Le­tras Galegas é a iniciativa máis popular e de máis éxi­to da RAG. Se cadra, esta casa da lin­gua galega vive hoxe, da man do seu presi­dente, Xosé Luís Méndez Ferrín, e do seu secretario, Xosé Luís Axeitos, o seu tempo máis reno­vador e diná­mico.

MAÑÁ HOMENAXÉASE A PAZ ANDRADE

VALENTÍN Paz Andrade, a figura homenaxeada en 2012, está intimamente relacionado con Castelao, de quen foi o seu biógrafo e a quen lle dedicou o libro de poemas Pranto matricial, editado no exilio arxentino tras a morte do escritor, político e artista rianxeiro. Fundou e dirixiu o xornal Galicia, do que Castelao deseñou a cabeceira e as viñetas de humor gráfico que se editarían no libro Cousas da vida. Foi a súa unha vida dedicada ao progreso político e económico de Galicia. Político e empresario, este galeguista pontevedrés contribuíu decisivamente á autonomía galega.

Comentarios