viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

Galicia homenaxea a Díaz Castro, o home que sentía apego pola terra

Imaxe de Xosé María Díaz Castro coa súa dona e fillos. familia díaz castro
Imaxe de Xosé María Díaz Castro coa súa dona e fillos. familia díaz castro

Galicia homenaxea hoxe, 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Xosé María Díaz Castro, que publicou en vida os 32 poemas de ‘Nimbos’, un deles o aplaudido ‘Penélope’. Un home que sentía un enorme apego á súa terra, en concreto ao lugar do Vilariño, na parroquia dos Vilares (Guitiriz, Lugo), coa súa cor tan verde e a bondade das súas xentes.

O homenaxeado na Día das Letras Galegas deste 2014, fillo dos labradores Isidro e María e irmán de Antonio, María e Serafín, naceu no día 19 de febreiro de 1914, unha época bélica marcada polo inicio da Primeira Guerra Mundial, e era un home cultivado que se defendía en trece linguas, unha bagaxe que lle permitiu compaxinar a escritura coa tradución.

Co xénero epistolar coñeceu a que sería a súa esposa, María Teresa Zubizarreta Bengoechea, «unha vasca amante» das súas orixes que sentía unha gran devoción por Galicia, como rememora Mayte, filla de ambos.

Un día frenético

A comunidade galega acollerá hoxe diversos actos lúdicos, musicais, artísticos, institucionais e reivindicativos que se estenderán ao longo das catro provincias, pero co ollo posto en Guitiriz, localidade natal do autor.

Este municipio lucense celebrará os actos centrais conmemorativos do 17 de maio. A Xunta descubrirá unha placa no colexio local ás 11.00 horas, coa presenza do presidente da Xunta, a familia de Díaz Castro e a intervención de expertos na súa figura.

Posteriormente, ás 12.00 horas, a Real Academia Galega celebrará o seu tradicional pleno aberto a toda a sociedade, na Casa Habaneira. Este acto, contará cos académicos Xosé Luis Regueira, Darío Xohan Cabana ou Xosé Luís Franco Grande como oradores, ademais da intervención do seu presidente, Xosé Luis Alonso Montero.

A Fundación Rosalía de Castro, pola súa banda, inaugurará un busto da poeta na horta da casa da matanza, nun acto previsto para este sábado ás 12.00 horas antes do acto institucional que organizan a Fundación e o concello de Padrón en homenaxe a Díaz Castro, que será no auditorio.

Primeiro acto

Un dos primeiros actos institucionais tivo lugar onte no Círculo das Artes de Lugo e a el asistiu o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad. O ‘Concerto das Letras’, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) rende homenaxe ao autor ao que se lle dedica o 17 de maio, contou ademais coa presenza do presidente da institutción, Ramón Villares, e da delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias.

A orquestra Real Filharmonía de Galicia, o grupo vocal Solo Voces e o Collegium Compostellanum, baixo a dirección de Maximino Zumalave, foron os encargados de interpretar o repertorio, que incluíu a estrea absoluta dunha versión musicada de ‘Penélope’, poema de Díaz Castro, desenvolvida polo compositor galego Octavio Vázquez.

Tamén onte lembrouse a figura de Díaz Castro no Gaiás de Santiago de Compostela, onde se celebrou o Día das Letras Galegas cun recital poético-musical organizado polo Centro Pen Galicia e a Consellería de Cultura.

‘Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo’ contou coa presenza do escritor Armando Requeixo, Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García-Bodaño.

Marta Quintana e Cuchús Pimentel puxeron a nota musical ao acto.

Ademais, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu ao tradicional acto de Novas Xeracións do PP do 17 de maio no Panteón de Galegos Ilustres, onde realizou unha ofrenda floral.

«Os galegos deben tratar ao galego con coidado e agarimo, porque somos posuidores dun tesoro que non tódolos pobos teñen», dixo.

Galicia homenaxea a Díaz Castro, o home que sentía apego pola terra
Comentarios
ç