Galicia, no fondo, é un tesouro

Unha áncora de ferro de tipo Almirantazgo, dous vapores de finais do século XIX e dous pecios da flota de 1596, un deles cun leme duns catro metros de lonxitude virtualmente intacto (o que o converte nun achado practicamente único no mundo) veñen de ser descubertos no entorno do cabo de Fisterra e no fondo da ría de Corcubión (A Coruña). A Consellería de Cultura acaba de presentar o balance dos traballos de prospección arqueolóxica subacuática e de cartografía realizados nesta zona da costa coruñesa.

Durante a campaña, desenvolvida no mes de xullo e que desprendeu ''uns magníficos resultados tanto a nivel científico como patrimonial'', segundo a Xunta, descubríronse catro novos xacementos, dous deles pertencentes á flota de 1596 ao mando do avanzado de Castilla Martín de Padilla, e outros dous documentados como vapores ingleses de finais do século XIX e principios do XX en profundidades de ata 54 metros. Comprobáronse máis de 50 puntos, nos que destaca a localización dunha áncora de ferro de tipo Almirantazgo.

Os traballos foron levados a cabo por un equipo de sete persoas ao longo de 22 días, acumulando máis de 200 inmersións e ao redor de 260 horas de traballo submarino. A presentación dos resultados contou onte coa participación do director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo e o director das prospeccións, Miguel San Claudio.

''Estes traballos foron promovidos pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura ao abeiro do convenio de colaboración asinado en setembro de 2010 e presupostado en 75.000 euros para o desenvolvemento do Plan Nacional de Protección do Patrimonio Cultural subacuático'', explica a Consellería de Cultura. ''No marco deste convenio e a maiores das actuacións levadas a cabo na ría de Vigo, entre finais deste mes de setembro e principios do mes de outubro executaranse outras actuacións arqueolóxicas nas rías de Viveiro e Ribadeo''.

No transcurso das prospeccións realizadas na ría de Corcubión traballouse sobre os catro novos xacementos, rexistrándoos, situándoos xeograficamente e realizando unha supervisión previa.

Segundo indica a Xunta, un dos obxectivos para o presente ano era documentar os pecios da flota de 1596. Localizáronse ata o momento seis naufraxios dunha flota de ao redor dun centenar de naves que partiron dos portos de Lisboa e Sevilla e se dirixían a Irlanda transportando un exército que debería apoiar aos irlandeses na loita contra a ocupación inglesa da illa.

Leme de catro metros

Na presente campaña foron documentados dous dos pecios da flota de 1596, xa localizados anteriormente. Destaca nun deles a presenza dun leme duns catro metros de lonxitude, virtualmente intacto, conservando gran parte dos seus ferraxes, ''un achado practicamente único no mundo que é particular na arqueoloxía subacuática por ser este tipo de elementos os que primeiro adoitan desaparecer en caso de naufraxio''.

Durante a prospección arqueolóxica foron descubertos, enterrados na area dunha nova localización, elementos de madeira, probablemente pertencentes a outra nave da flota de 1596. Sería a sétima localizada.

Segundo a Consellería, nos pecios localizados desta flota documentáronse numerosas pezas de artillería de diferentes tipos e materiais como bronce, ferro fundido e ferro forxado; armamento lixeiro entre o que destacan arcabuces e espadas; ademais de numerosa munición en chumbo, ferro e pedra.

Elementos da impedimenta do exército tamén foron documentados como chumbo para fundir munición, cureñas de artillería terrestre, equipos cirúrxicos do corpo de sanidade ou elementos pertencentes á vestimenta de soldados ou tripulantes.

Entre os materiais de uso cotián destaca a localización dunha vaixela de mesa de peltre, probablemente pertencente a algún oficial embarcado nunha das naves. Noutro dos pecios consérvanse aínda unha gran cantidade de moedas de prata, destinadas a sufragar os gastos do exército expedicionario. Asemade puidéronse documentar grandes pezas de madeira pertencentes á estrutura dos buques.

Cartografía

Ademais dos traballos sobre a flota de 1596, nesta campaña avanzouse na cartografía dos restos da corveta de 32 canóns francesa Bayonnaise afundida na praia de Langosteira en Fisterra, o 28 de novembro de 1803 ''e que conserva gran parte da súa estrutura de madeira'', indícase dende a Xunta de Galicia. ''Púidose documentar as súas cadernas, forro exterior e forro interior, ademais dun forro externo de pranchas de cobre para evitar a adherencia de organismos mariños sobre a obra morta do casco''.

Entre os obxectos transportados, ademais de pezas de artillaría, numerosa munición, recuperáronse nesta campaña os primeiros obxectos de uso cotián dos seus tripulantes, en concreto restos de dous zapatos de coiro e unha culler de prata.

Este ano, ademais, avanzouse nunha faceta que non fora abordada ata este momento, nin nesta campaña, ''nin practicamente en augas españolas en tarefas de arqueoloxía subacuática''. A comunicación por parte de pescadores do porto de Fisterra da presenza de elementos que puidesen ser buques afundidos, levou ao equipo que realiza as prospeccións a ampliar o rango de profundidades nos que ata agora se viña desenvolvendo o proxecto. Así, documentáronse varios vapores de finais do século XIX e principios do século XX en profundidades ata os 54 metros. Estes pecios forman parte do Patrimonio Histórico Español por canto permaneceron máis de cen anos somerxidos, segundo establece a Convención da Unesco sobre a Protección do Patrimonio Cultural Subacuático subscrita por España.

Proxecto internacional

''Estes traballos espertaron interese internacional, non só pola existencia dunha flota pertencente a unha época tan importante desde o punto de vista da historia naval, senón en xeral pola riqueza de naufraxios de todas as épocas localizados no ámbito do cabo Fisterra'', informa a Xunta. Os traballos contaron coa participación dun doutorando do departamento de antropoloxía a Universidade de Texas e unha investigadora do Hellenic Institute of Maritime Archaeology. Asemade, o estudo dos buques da frota de 1596 entra de cheo dentro do ámbito de investigación do departamento de antropoloxía da University of Texas, A&M. Na actualidade estase a estimar a colaboración do proxecto en estudos da madeira dos pecios a través do Centro Holandés de Dendrocronoloxía, Fundación Ring.

No proxecto, ademais, vén colaborando dende hai varios anos o Departamento de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica e Química Inorgánica da Universidade de Cádiz. Os traballos serán presentados no 4º Congreso Internacional de Arqueoloxía que se celebrará en Zadar, Croacia do 28 de setembro ao 2 de outubro.

 

Comentarios