Gasteiz, patrimonio da nocturnidade con 35 anos

Baluarte do rock na movida compostelá, o bar das galerías da Rúa Nova de Abaixo é un punto de encontro para mozas e mozos desde a década dos oitenta

Moi poucos locais poden presumir de levar 35 anos en activo nun mundo tan cambiante como o da noite. Tras máis de tres décadas calmando a sede de varias xeracións e abríndolles as orellas ao rock and roll, o Gasteiz ben merece o título de patrimonio da nocturnidade.

Pero, ¿cal é a fórmula máxica da súa lonxevidade? O bó rollo, facer que o cliente se sinta como en casa e, sobre todo e aínda que pareza redundante, o rock and roll, que nunca pasa de moda e sempre foi o santo e seña deste emblemático pub situado no corazón do Ensanche compostelano. Concretamente nas galerías número 12 da Rúa Nova de Abaixo, onde o letreiro coas dúas guitarras cruzadas e o rostro dun rockeiro con txapela segue encendéndose cada noite, a diferencia da maioría de rótulos da zona.

Porque a rúa do Gasteiz, ata fai unha década, estaba sembrada de bares e as súas aceras plagadas de xente, ata tal punto que había que cortala ao tráfico. Pouco diso queda xa, para tranquilidade dos veciños de ben. As causas deste declive son moitas e moi variadas, a maioría relacionadas entre si. O descenso demográfico, a crise, a baixada de alumnos na universidade, a asistencia a clase obligatoria polo plan Boloña, a lexislación municipal ou o cambio de modelos de ocio dos máis novos son algúns dos ingredientes dun cóctel fatal para a saúde da noite. Claro que non todos ven o vaso medio vacío e, como a Galia de Astérix en tempos dos romanos, o Gasteiz resiste. E non só iso, pois é unha das excepcións --que se contan cos dedos dunha man-- nos que hai xente de luns a sábado en Compostela.

O Gasteiz naceu como hamburguesería, "con mesas, unha plancha e freidora"

Pouco podía presaxiar en 1982 Rafael Areoso –que agora rexenta outro emblemático local tamén na Rúa Nova, pero na de Arriba–, que aquel pequeno baixo que abriu para servir tapas de tortilla e bocatas aos estudantes íase convertir nun dos pubs con máis historia da capital galega. Porque, por raro que pareza hoxe en día, o Gasteiz abriu nos seus albores como hamburguesería, "con mesas, unha plancha e freidora", recorda Rafa, un dos hosteleiros máis experimentados de Compostela. Tampouco os horarios dos inicios encaixan có concepto de local no que se tranformou co paso dos anos. "Ao principio abríamos as 12 do mediodía, pero é que viñan estudantes a todas horas", explica o primeiro propietario, que recoñece que deixaba o repertorio musical "en mans dos pinchas". Sonaban varios estilos naquel Gasteiz inicial, pero o que se acabou impoñendo foi o rock.  E non e que este xénero sexa incompatible coas tapas e comidas, pero pasados dous anos Rafa viu que tiña que elixir entre o día e a noite. Era apostar entre o vermello e o negro –como as tonalidades do cartel do Gasteiz– na particular ruleta da hostelería. Púxoo todo á cor da noite, e gañou. Aí era onde o Gasteiz se desenvolvía realmente ben.

As hordas de mozos subían sedentos de luns a domingo, porque "non pechábamos ningún día", relata Rafa, que di que non era raro que os xoves se esgotasen "dous barriles de 50 litros de cervexa e dúas caixas de botellas de whiskey", un récord que non está ao alcance de ningún local na actualidade. Claro que, deixando á marxe a subida do IPC e demais factores económicos, unha copa valía fai vinte anos 375 pesetas, o equivalente a 2 euros e 25 centimos. E por 3 (500 pesetas) servíase un cubalitro, o que explica en gran parte que o fenómeno do botellón fose daquela un gran descoñecido. Como curiosidade, hai que mencionar que o Gasteiz foi o primeiro bar de Santiago en servir litros en vasos de plástico para satisfacer a inxente demanda de clientes que non sempre devolvían os de cristal.

Os oitenta e noventa pasaron por Compostela coma un vendaval. A Rafa embárgalle a nostalxia cando recorda os tempos dourados da noite da cidade, co Número K, Pérez y Pérez, A Cabina ou Can Can, entre moitos outros, como aliados na misión dar diversión a unha mocidade ansiosa de aires de cambio e sempre coa festa como principal reivindicación.

O novo milenio ampliou o repertorio cunha enorme colección de discos

O novo milenio trouxo consigo savia nova ao Gasteiz. No 2000 Rafa deixaba a barra tras case vinte anos ao pé do cañón e dáballe o relevo a David Parcero, outro experimentado hostelero que acabou por izar a bandeira do rock and roll ao máis alto do local. Porque, ademais de empresario da noite, David é un melómano e trouxo baixo o brazo unha enorme colección de discos tanto de grupos nacionais como internacionais que se alternaban sen rubor nun equipo de música que cada vez soaba a máis decibelios, nun tempo –principios de século– no que a Policia Local actuaba con manga ancha cos ruidos nocturnos.

Para entón o Gasteiz xa se convertera nun dos históricos de Compostela, cun horario totalmente centrado na noite –de 23 a 4.30– e unha clientela cada vez máis fiel. "Algún xa estaba na porta esperando cando chegaba eu a abrir", rememora David. Pero tras unha década co bar literalmente a reventar de luns a domingo, chegaron as vacas flacas coa baixada da movida xeneralizada en todo Santiago e mesmo Galicia. David data o descenso "no 2008 ou 2009, coincidindo co plan Bolonia", ese programa de estudos ideado desde a Unión Europea –como tantas outras imposicións– que vaciou os bares para encher as aulas.

Tamén golpeou con forza a crise e os locais comezaron a pechar en masa. Pouco quedaba xa daquela Rúa Nova de Abaixo cortada ao tráfico polas manifestacións de xóvenes en pro da festa. Con todo, a fidelidade da clientela do Gasteiz fixo que, a diferencia dos seus coetáneos, non tivese que botar o peche. "Xente seguía vindo, o que pasa e que os que antes tomaban dúas copas agora compartían unha cervexa, e un bar ten que facer caixa para subsistir", conta David, que en setembro de 2014, tras máis de dúas décadas na noite, decidiu facer as maletas e embarcarse nunha nova aventura laboral en Suíza. Desde a distancia, recoñece que bota de menos "as noites no Gasteiz e, sobre todo, o rock and roll".



Pero os clientes máis fieis non podían permitir que o Gasteiz quedase orfo e un deles, Carlos Pose, decidiu facerse coas riendas do local. O mesmo día en que David o deixou, colleuno el xunto ao seu irmán Pablo. Ambos debutaban na noite, pero supliron a súa falta de experiencia tras a barra con moitas ganas, traballo e, como marcan as regras do local, unha boa dose de bó rollo e conexión coa clientela. Déronlle ao Gasteiz un necesario lavado de cara empezando polo que algúns consideran moi importante nun local: os baños. Tamén mudaron lixeiramente a decoración, aínda que sempre respetando a esencia herdada de Rafa e David. Deste último precisamente conservan a colección de cedés, se ben Carlos e Pablo optan agora por pinchar con Spotify. A mellora en comodidade é evidente e poden así abrir o repertorio musical cara outros subxéneros –sen perder nunca de vista a estrela polar do rock– ao tempo que fortaleceron a aposta pola música en directo.

Os dous irmáns están a lograr algo nada fácil: conservar boa parte da clientela anterior e cautivar ás novas xeracións. Todos teñen cabida no Gasteiz, que xa é máis que un bar. É patrimonio vivo da nocturnidade, un punto de encontro histórico onde se mestura a diversión, a amizade e o rock and roll. Con estes elementos, que nunca morren, poden vaticinarse outros 35 anos de vida para o Gasteiz. ¡Ou moitos máis!

Comentarios