Gloria Lago:''La política siempre estuvo ahí y mucha gente me anima, pero la vida de partido me da miedo''

Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe
Mentres medran os rumores sobre o desembarco de Gloria Lago en política, concretamente en UPyD, ela négao por agora... aínda que se deixa querer.
P ¿Que hai de certo no rumor da súa entrada en política?
R O certo é que a día de hoxe non ten ningunha base.
P ¿Pero non negará que a sitúan como candidata de UPyD en Vigo e incluso en Galicia?
R Iso é a raíz dun comentario que fixen no meu blog. Era unha especie de hipótese que algúns medios interpretaron á súa maneira. É certo que a miña entrada en política sempre estivo aí e que hai moita xente que me anima, pero eu non falei con ninguén de UPyD.
P ¿Deixa unha porta aberta?
R Insisto en que a día de hoxe non hai nada en firme, pero quizais non pense o mesmo dentro dun mes, un ano...
P ¿É militante de UPyD?
R Non, non. Non sería honesto como presidenta de Galicia Bilingüe, que ten socios de moitos partidos e ideoloxías. 
P Entón, ¿meterse en política suporía deixar a asociación?
R Se pensase en tomar unha decisión así faríao afastada de Galicia Bilingüe, está claro.
P ¿Que ofrece a política que non teña xa en Galicia Bilingüe?
R Teño aspiracións de cambiar as cousas e a política é quizais a única forma posible. Polo menos creo que é a solución máis práctica para loitar polos ideais da liberdade lingüística. E vendo como enferma a nosa democracia, para actuar tamén noutros ámbitos.
P Fala dos pros, ¿e as contras?
R Persoalmente dáme moito medo a vida de partido. A xente crávase puñais polas costas, mentres que en Galicia Bilingüe o ambiente é moi agradable e moi bo. ¡E tería que deixalo! Quizais dentro dun ano me anime, porque, insisto, non é unha porta que pechara de todo.

Comentarios