Gómez Noya: ''Me veo con más experiencia que en Pekín, más hecho como triatleta''

O triatleta galego (Basilea, Suíza, 1983) afronta as últimas probas do Mundial como líder. A próxima competición, o 7 de agosto en Londres, será un ensaio xeral dos Xogos Olímpicos de 2012, unha cita que non escapa da cabeza do bicampión mundial. Considéraa a ''mellor'', máis non a derradeira oportunidade. Gómez Noya fálanos da súa preparación, dos problemas propios e alleos na proba do Europeo en Pontevedra e dos seus inicios nesta combinación de disciplinas, a proba de prodixios.

PREGUNTA: Como valoras a túa participación en Hamburgo?
RESPOSTA:
Na parte de natación foi moi boa, saíndo da auga segundo e estando a moi bo nivel. Na bici aconteceu o que esperaba: estiven no grupo dianteiro, evitei caídas e problemas e de cara á transición. Era un circuíto moi técnico, pero conseguino,

P: Que pasou na carreira a pé?
R: Sentinme algo cansado, sen moita chispa nese punto. Fun dos primeiros ata o final pero faltoume definir. Non estou moi contento neste sentido. Está claro é que se non estás ao 100% é difícil gañar.

P: Foi unha carencia túa ou que apertaron moito os rivais?
R: O ano pasado gañei neste mesmo percorrido cun ritmo máis rápido que o gañador deste ano. Foi máis ben que non puiden render todo o ben que agardaba.

P: De gañar esta proba, como aseguraches que era o teu único obxectivo, terías variado o teu calendario no que resta de temporada?
R: Non, en principio ía competir en todas as que quedan xa, a primeira en Londres dentro de dúas semanas. Esta en concreto é moi importante porque imos competir no percorrido dos Xogos Olímpicos, e logo queda o Campionato do Mundo de Sprint en Laussanne e a gran final en Pequín. O plan sería o mesmo.

P: Tes sensacións distintas ás de 2008 ou 2010, cando gañaches o Mundial?
R: Non, eu creo que en liñas xerais estou ben, a estas alturas estou mellor ca o ano pasado. Teño máis puntos na clasificación, que é un dato sempre positivo. Se cadra este ano tiven algúns altibaixos, como o de Madrid ou Pontevedra. Pero en liñas xerais estou ben e seguro que nas seguintes carreiras poderei facelo ben.

P: Preocúpanche os problemas que das últimas competicións?
R: O de Pontevedra si que me preocupa. Cando te preparas a conciencia, estás moi en forma e indo moi rápido e non podes sacar o que levas dentro por problemas físicos, preocupa. Sentinme un pouco impotente nesas xornadas.

P: Tedes idea da orixe?
R: A verdade é que non. Poden ser problemas de gases, que trague auga, precisamente nesa proba de Pontevedra, a calor, a bebida... Hai varios factores que estamos intentando controlar. Tampouco era a primeira vez que me pasaba. Estamos estudando isto cos especialistas axeitados para solucionalo. De todos xeitos levo unha carreira exitosa, con moitos triunfos e algúns pequenos problemas coma todo o mundo.

P: Outros triatletas teñen reaccións deste tipo?
R: Si, cada un ten os seus puntos fortes e débiles. Uns imos mellor con frío, outros mellor con calor... Hai algúns que con frío bloquéanse e non renden, en cambio eu si podo facelo nestas condicións. Coa calor hai veces que son capaz de render tamén, pero é certo que me custa máis. Pola nosa herdanza xenética, forma de adestrar, costumes, imos mellor nunhas circunstancias ca outras.

LONDRES 2012
P: En Londres ides estar todos, incluídos os irmáns Brownlee. O feito de ser un ensaio para os Xogos Olímpicos, fará variar o desenvolvemento da carreira?
R: Vai ser unha proba rara. A maioría xógase as prazas olímpicas, polo que vai haber moitas guerras dentro dos propios países. Isto vai facer que todo o mundo chegue moi ben de forma e sexa unha carreira dun bo nivel. En calquera caso o importante é ver o circuíto dos Xogos e competir nel. Quen gañe agora non ten todas as de gañar o ano que vén, onde cada un chegará nun momento distinto ao actual, pero si se poden ir vendo detalles de cara á cita.

P: En canto á climatoloxía, como che afectarán as condicións de Londres?
R: Aínda que pode facer calor, non me preocupa tanto coma catro anos atrás en Pequín, onde agardabamos calor seguro. En Londres a temperatura pode ser boa para nós, incluso pode que chova se vai mal día, incluso frío. O clima pode adaptarse ben ás miñas características. Veremos que día vai o 7 de agosto de 2012. Creo que vai favorecer que pode ser unha carreira moi rápida, que a xente vaia axiña, pero xa veremos.

P: Tes ben marcada a data no calendario...
R: Si [ri], xa me dixeron hai tempo que a data era o 7 de agosto, e ese día será.

P: En que aspectos centrarás a preparación para Londres?
R:
Esta temporada xa fixen moito traballo e o obxectivo é mantelo ata o final de tempada. Seguiremos mellorando na carreira a pé, que é o máis importante se queres gañar competicións. O ano que vén tampouco teremos que variar cousas. Conseguín bos resultados facendo o que fago habitualmente, polo que intentarei facer unha boa posta a punto para a cita. O difícil é chegar ben preparado nas tres disciplinas, nunca estás igual en todas. Será importante o último tres ou as últimas tres semanas antes.

P: Sénteste presionado, ao ser unha proba única cada catro anos?
R: Evidentemente unha cita cada catro anos significa que non é fácil, que se presentan poucas veces na vida e tes poucas oportunidades de gañala, pero a miña carreira é xa moi superior do que podía imaxinar cando cheguei a este deporte. É certo que o que me quedan son os Xogos. Estou motivado e ilusionado, pero se gano non vou ser nada fóra do normal nin mellor triatleta, pero se non gano tampouco serei peor. A valoración da xente, sobre todo nun deporte pequeno coma o noso, será moito maior e terá máis recoñecemento. Hai que tomar as cousas con calma.

P:
Por idade cres que é a túa última oportunidade?
R:
A oportunidade máis grande pode ser. 29 anos é unha idade moi boa, podes render ao 100% con respecto á túa vida deportiva. O campión olímpico de Atenas tiña 34 anos, Simon Whitfield fixo medalla en Pequín tiña 34 ou 35, polo que non se pode saber. Con 33, en Rio, non sei como estarei. O que está claro é que agora estou ben e podo gañar.

P: Tes máis oportunidades de gañar agora ca en 2008?
R: Si, véxome con máis experiencia e máis feito como triatleta ca en Pequín. Por outro lado, tamén os rivais melloran e xente que non estaba no 2008 para as medallas agora están a un nivel moi superior. En xeral neste deporte subiu a calidade e iso pode notarse.

PONTEVEDRA: CALVARIO NO EUROPEO

P: A xornada do Campionato de Europa, puido ser unha das túas peores xornadas deportivamente falando?
R: Si, déronse unha serie de circunstancias e uns problemas estomacais que impediron correr. Non era que fora mais rápido ou máis amodo, é que non podía competir a un mínimo nivel. Foi unha gran decepción porque o quería facer moi ben competindo na casa.

P: É a primeira vez que ves ou padeces algo como o ataque de Harry Wiltshire?
R: Foi. Golpes e cobadazos nadando... Todo o mundo quere nadar polo mesmo sitio, é lóxico. Pero cando un rival te identifica, vai a por ti; pégache; sácate do rebufo; impídeche saír da auga; na bici métese nos relevos e na orde do grupo intentando frearnos e creando situacións de moito perigo cando vas a 60 km/h... Esperemos que non volva pasar.

P: Cando quedabas atrás, Iván Raña animoute a seguir. Isto non se ve moito noutros deportes individuais de elite.
R: Sempre tivemos moi boa relación. El tampouco estaba tendo a mellor carreira da súa vida, estaba sufrindo tamén. Axudoume a seguir. Continuamos por respecto ao público. No triatlón estas accións vense un pouco máis, pero tampouco demasiado. Ao fin e ao cabo cada un vai ao seu.

ARREDOR DO TRIATLÓN

P: Cambiaches de adestrador en 2009, notouse un cambio desde aquela...
R: En 2008 fun subcampión do mundo, campión de Europa e de España, polo que o foi case o máximo que podía aspirar, en 2010, fun campión do mundo e subcampión de Europa. En xeral, desde 2006, a traxectoria é moi boa, facendo podios e gañando. Houbo unha regularidade no rendemento e iso é unha das cousas das que estou máis orgulloso.

P: O triatlón é unha modalidade con décadas de historia. Ten moito onde mellorar na preparación e no estudo da competición?
R: Si, é un deporte que está crecendo moi rápido, evolucionando moi axiña. Porén, é moi novo e hai pouco escrito ao respecto en canto a método de adestramento. Si hai moito en natación, ciclismo e atletismo, pero non sobre as tres xuntas, e é moi complicado combinalas. Cada competidor fai un pouco o que lle parece.

P: Aos 15 comezaches xa a competir en probas combinadas. Soñabas con chegar a algo grande noutro deporte, ou ías enfilado?
R: Si, comecei xa directamente a triatlón, no ano 1998. Daquela facíao por probar, sen moitas expectativas, no seguintes dous anos si que comecei xa a ver que tiña certa facilidade e bos resultados en categorías inferiores, comecei a ilusionarme e pensar en retos maiores, quen sabe se campión do mundo.

P: Cóntanos esa xornada entre Castropol e Ares...
R: Foi a primeira proba que fixen de triatlón olímpico en Castropol. Practicamente non adestrei bici e carreira, o que facía era nadar, e deuse ben. Despois había unha travesía en Ares. Esa tempada estaba facendo un circuíto a nivel galego e non o pensei dúas veces. Nada máis acabar en Castropol marchamos cara alá e gañei tamén. É certo que os rivais aos que normalmente lles sacaba máis tempo apertáronme máis ca noutras competicións. Foi unha xornada completiña.

P: Como se che ocorre ir desde Castropol, por estrada, ata Ares?
R: Para min era algo 'normal'. Eu facía natación e decidira facer ese triatlón para probar. Sentíame responsable de ter que nadar tamén. Tomeino como algo natural e coma se fose o máis normal do mundo. Agora doume conta de que moi normal non era.

Comentarios