"Non falei con Besteiro pero só porque xa non está activo en política, non por outra cousa"

Gonzalo Caballero: "Temos que aproveitar o ciclo ascendente do PSOE en España e acabar coas leas persoais"

O economista vigués ten clara a diagnose: o PSdeG leva anos tan ocupado coas súa cousas que desapareceu da rúa e non é alternativa. E tamén a receita: abrir unha nova etapa dirixida polas bases que rache cos xogos de cadeiras e outros vicios do pasado. O verdadeiramente difícil é dar coa tecla que lle permita ao socialismo galego "recuperar músculo"

Que balance fai do congreso que vén de celebrar o PSdeG?
Fixemos un bo congreso. O partido está abrindo unha nova etapa impulsada polos militantes de base e no encontro conseguimos avanzar na definición do proxecto político e na configuración do equipo de dirección. Sempre pode haber distintas perspectivas, pero en termos xerais o PSdeG vén de marcar un novo ciclo político.

Botou a alguén de menos?
Chegou a haber máis dun milleiro de persoas e a velocidade dos acontecementos impedía ser consciente dalgunhas cuestións miúdas.

Besteiro saíu elixido no seu día con máis apoio que vostede e aínda así tivo problemas internos. Teme que lle poida suceder algo así?
Gañamos as primarias co 58% dos votos e a executiva recibiu no congreso un apoio do 72%, o que confirma que estamos na liña de consolidación do proxecto. A mensaxe de cambio que marcaron as bases é imparable e ninguén pode evitar que abramos a nova etapa que pide a militancia.


Filosofía
"A mensaxe lanzada polos militantes nas primarias ten que ser a guía de comportamento dos nosos cadros políticos"


Que receita aplicará para coser un partido roto como o PSdeG?
A clave, insisto, é afianzar a idea de que o partido necesita abrir esa nova etapa. Na medida en que a cidadanía perciba que hai un PSdeG renovado e máis forte, a organización e todos nós sairemos gañando. A nivel federal, Pedro Sánchez impúxose nas primarias e logo no congreso, aínda que había un sector derrotado, o PSOE saíu fortalecido porque se fixo o que os electores esperaban que se fixera. En Galicia estamos nunha situación similar: a cidadanía esperaba un cambio e o importante é iso, máis alá de calquera cuestión persoal. A mensaxe lanzada polas bases nas primarias ten que ser a guía de comportamento de todos os nosos cadros políticos para o próximo tempo.

Pero recoñecerá que no PSdeG hai moitas feridas de tipo persoal, que son as máis difíciles de coser.
Estamos nunha fase na que temos que deixar atrás as cuestións de carácter persoal, porque o PSdeG desde 2009 non foi capaz de artellar unha maioría social de progreso en Galicia. Agora estamos ante unha oportunidade, porque o PSOE está nun ciclo político ascendente en España e en Galicia temos que aproveitar iso. O reencontro do partido cos expresidentes Laxe e Touriño é a mostra de como debemos traballar: construír en clave de futuro e asentando o noso proxecto arredor das mellores referencias históricas do socialismo galego. O resto son cuestións miúdas que debemos deixar no tinteiro.

Vostede mesmo parece que dá exemplo, porque se achegou algo ao seu tío, o alcalde de Vigo.
Todos temos que estar á altura das circunstancias e entender que o novo tempo é imparable; o socialismo galego débello a centos de milleiros de cidadáns que agardan un cambio político en Galicia.

Que prazo se fixa para ter o partido plenamente operativo?
Non é cuestións de prazos, senón de traballo intenso. A prioridade é recuperar músculo político e fortalecer a organización durante os vindeiros meses.

Que PSdeG lle gustaría ver nun ano, ás portas das municipais?
Ten que ser un PSdeG que recupere a normalidade política tras ano e medio cunha xestora que limitou a capacidade do partido. No orgánico temos que recuperar o normal funcionamento dos órganos e acompañalo da renovación dos que están pendentes, e establecer a importancia de ter un proxecto galego e galeguista. E no político, quero ver un PSOE máis presente na sociedade galega, liderando a alternativa ao PP e máis dinámico na cuestión do debate de ideas.


Retos
"Quero un PSOE máis presente na sociedade galega e máis dinámico á hora de debater ideas"


Deseñou unha executiva moi ampla para tratar de acomodar moitas sensibilidades. Ao final, non houbo integración plena e, por riba, atópase cun órgano tan grande que non parece operativo.
Tentei construír os órganos do PSdeG de acordo ao plantexamento que fixen nas primarias: primeiro, que tiña que primar a renovación; segundo, que tiña que haber compoñentes con experiencia; e terceiro, que non entrase no reparto de cadeira e cotas. Temos a experiencia de executivas anteriores que saíron con porcentaxes moi altas de apoio e logo non funcionaron; o 72% colleitado pola nosa é superior ao esperado. Logo, en etapas de cambio é normal que haxa algún desaxuste ou compañeiros que poden ter algún outro plantexamento, pero os niveis de apoio nas primarias e o congreso fortalecen o proxecto e agora xa estamos nunha fase posterior.

Recibiu algunha queixa formal por parte de Villoslada e a súa órbita?
Eu propúxenlle a Juan Díaz Villoslada se quería estar no comité federal con Leiceaga ou Carmela Silva, pero cando a resposta foi que había que ter un reparto de asentos nos órganos nacionais, pois pareceume que ese non era o comportamento correcto. Eu mantiven o criterio de non entrar en cotas porque son unha forma ficticia de entender as primarias.

Que cualidades ve en José Antonio Quiroga para nomealo secretario de Organización?
É un home de partido, con moitos anos de compromiso, un bo deputado autonómico centrado en cuestións de medio rural e agora especificamente nos lumes. Creo que representa unha certa experiencia, pero tamén un perfil que implica cambio porque nunca estivo en órganos de dirección, así que cumpre cos requisitos.

Necesita o PSdeG receitas distintas para cada provincia ou o diagnóstico é máis ben xeral?
Temos que pensar moito en clave galega e galeguista, fortalecer a estrutura e a dirección autonómicas; e a partir de aí, deseñar as estruturas provinciais que acompañen o PSOE na nova andaina política. Creo que nesa liña todos os órganos provinciais e locais deben acompasarse ao galego.

Feijóo confía en ter en vostede un interlocutor válido no PSdeG tras anos de provisionalidade. Que oposición pensa facer?
O PSdeG é a alternativa de esquerda ao PPdeG e para que en Galicia haxa cambio de Goberno o socialismo ten que ser capaz de liderar a maioría social de progreso. Somos unha forza con capacidade de diálogo con outras forzas, o único que temos que facer é recuperar músculo político para afianzarnos como opción de cambio. Esa será a miña folla de ruta.


Oposición
"Nin é prioritario nin teño interese en estar no Parlamento, aínda que a medio prazo non descarto nada; isto é moi volátil"


Pero será máis de dar paus ou de poñer a cenoura?
Insisto en que imos ser a alternativa ao PP con políticas e feitos, presentando en cada tempo político a mellor acción. Galicia necesita un cambio tras tres maiorías absolutas e a partir de aí, diálogo coas forzas de esquerda e co partido do goberno, pero sen esquecer que a nosa posición está na esquerda como alternativa ao PPdeG.

Reunirase con Feijóo?
Chamoume despois das primarias para trasladarme os seus respectos e a partir de aí non houbo máis contactos. Imos intentar estar presentes en todos os sitios que poidamos, pero a nosa axenda aínda non está marcada.

En que medida inflúe na súa estratexia de oposición non estar no Parlamento de Galicia?
É tradición na política que o líder da oposición estea no Parlamento, pero hai exemplos de que non sempre é necesario nin sequera o máis hábil. Sánchez foi elixido secretario xeral sen estar no Congreso e tras as primarias as enquisas din que o PSOE se está recuperando e el é o líder mellor valorado.

Teme unha bicefalia Caballero-Leiceaga que confunda ás bases?
Non. Aquí hai unha dirección política saída das primarias que na súa primeira reunión ratificou o seu portavoz parlamentario.

Contempla ocupar un escano no Hórreo nesta lexislatura?
A política hoxe é moi volátil e cambiante. Hai seis meses era dificilmente previsible, por non dicir practicamente imposible, que alguén pensase que un militante de base de Vigo cun compoñente crítico puidese ser secretario xeral a final de ano. Por iso é moi difícil predicir o que pode ocorrer de aquí a tres anos. O que está claro é que neste momento non é prioritario nin teño ningún interese en entrar no Parlamento. O meu traballo céntrase na acción política do partido, aínda que a medio prazo non descarto nada.

Ordeou vostede o prantón de Darío Campos e Carmela Silva á comisión do Parlamento?
A esa cuestión hai que darlle a dimensión que ten, porque os presidentes das deputacións xa expoñen e debaten as súas contas co resto de partidos nas institucións provinciais; o Parlamento o único que fai é trasladarlles unha invitación política. Entón aquí hai un criterio de autonomía municipal e os presidentes marcaron a súa postura de non participar no que é, insisto, unha comparecencia de rango menor. Trasladáronme a súa posición e a partir de aí, o máximo respecto.

Entendo logo que a decisión partiu deles, non?
Si.

Ve a En Marea e BNG como inimigos ou como potenciais socios?
Eu voume centrar no traballo do PSdeG. Imos manter os cauces de diálogo con outras organizacións, pero a nosa tarefa é traballar no noso proxecto; manteremos a nosa folla de ruta e a nosa prioridade nas cuestións do PSOE. Outras forzas foron emerxentes no pasado, pero no novo tempo político xa empezan a afrouxar.

No conflito de Cataluña, a súa postura está máis cerca da do PP?
¡Non estou cerca do PP, son a alternativa ao PP! Outra cuestión é que os socialistas non queiramos que se despece a soberanía nacional ou defendamos que hai que cumprir as normas do Estado de dereito. Actuamos así porque é como debemos actuar, con independencia do que fagan outras forzas políticas da esquerda ou da dereita. O noso interese non é achegarnos ao PP senón facer o que cremos. Aparte disto, eu penso que ten que haber vías de diálogo para solucionar un conflito político de tanto calado.

Comentarios