A gran festa do cine español

Mentres os Óscar quentan motores no outro lado do Atlántico, os focos do mundo do cine alumean agora cara a España, onde o domingo se celebrará a XXVII gala de entrega dos Premios Goya, que volverán estar conducidos, por segundo ano consecutivo, pola presentadora Eva Hache.

A maioría das quinielas auguran nos premios desta edición unha batalla entre Blancanieves e Lo imposible, que a priori son como o día e a noite: fantasía contra realidade, beleza nacional –Maribel Verdú– contra foránea–Naomi Watts–, e a exitosa carreira da segunda nos cines fronte á decepcionante da primeira.

No medio, un clásico de Fernando Trueba como El artista y la modelo, en branco e negro, ou figuras históricas do noso cine como José Sacristán e Chus Lampreave optando ao cabezón. Mentres, faltará o glamour de Penélope Cruz, nominada por Volver a nacer pero que xa confirmou a súa ausencia ao darse a coñecer días atrás o segundo embarazo.

No caso de Galicia, coxa este ano sen Luis Tosar, a mellor baza parece O Apóstolo, cinta nominada a mellor longametraxe de animación, que terá en Las aventuras de Tadeo Jones un duro rival.

O resto de nominacións galegas chegan no guión adaptado. Nun caso, coa novela Todo es silencio, de Manuel Rivas; noutro, co texto do galego David Monteagudo que deu lugar a película Fin. Por último, tamén figura Invasor, longametraxe da galega Vaca Films.

Comentarios