"Grazas por todo o que fixeches por nós, mestre"

O CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas homenaxea ao histórico profesor Juan Ramón Boga Corbacho
Un momento da homenaxe que recibiu o mestre, que se retira tras 35 anos no centro
photo_camera Un momento da homenaxe que recibiu o mestre, que se retira tras 35 anos no centro

"Todos, cole, compañeiros, alumnos e pais, estámosche moi agradecidos polo que fixeches por nós". A frase que presidía o letreiro da primeira obra teatral que fixeron os alumnos de quinto do CEIP Cordo Boullosa resume o sentir da comunidade escolar deste centro, que o luns fixo un festival para homenaxear a Juan Ramón Boga Corbacho pola súa xubilación.

No encontro co mestre, todos os alumnos do colexio participaron dalgún xeito: os de quinto, dos que foi titor este ano, adicáronlle pezas teatrais nas que imitaban a súa característica maneira de arranxar todo canto rompeu no cole durante os últimos 30 anos. Tamén estiveron exalumnos, que lle levaron un agasallo, e compañeiros na tarefa de educar. E as dúas directivas que tivo o centro reuníronse para facer unha foto con el, que foi secretario do mesmo durante décadas.

Non faltou a música, cun grupo de gaitas traído por pais e mestres, nin tampouco os momentos emotivos. En especial, cando lle cantaron Parabéns para ti, polo seu recente aniversario.

Boga Corbacho agradeceu a atención dos pequenos e lembrouse de todos os colaboradores que atopou no seu camiño na docencia e no secretariado do centro. "Tanto o Concello como a Xunta axudaron moito. Ás veces máis alá do que era estritamente necesario. E é xusto que se agradeza esa cooperación", dixo este luns, día no que non quixo esquecer a ninguén.

Comentarios