Hiparchia e Hipatia

Hiparchia e Hipatia, dúas filósofas da antigüidade, iniciaron xa en tempos nos que só ao home lle correspondía ter unha relevancia na sociedade e realizar o labor intelectual unha traxectoria diferente á tradicional das súas conxéneres. Elas dúas, coas súas vidas revolucionarias, co seu afán pola actividade teórica, encetan naqueles tempos lonxanos o longo camiño de conformación dunha muller nova, dunha muller emancipada, que só se constituirá como realiadade tanxíbel e ampla moi tarde, coa asunción dos ideais feministas pola sociedade occidental a partir da segunda metade do século XX.

A primeira muller intelectual da historia chamábase Hiparchia e era natural da pole de Tebas. Esta filósofa e bela muller do século IV a.C. pertencía á escola cínica, na que Dióxenes de Sínope foi o membro máis prestixioso. Mantivo unha intensa e anticonvencional historia de amor co tamén filósofo Crates, vivindo con el de costas ás miradas alleas, ao estilo cínico, como nunha ''casa de vidro''. Hiparchia preguntáballe ao pensador Teodoro o Ateo, ao se rir dela por todo o anterior: ''Cres que fixen mal en consagrar ao estudo o tempo que, polo meu sexo, debería ter perdido como tecelá?'' Esta muller liberada nunha sociedade machista adicou roda a súa vida á búsqueda do coñecemento.

Moito máis coñecida é Hipatia de Alexandría, unha relevante científica e filósofa neoplatónica que viviu no século V da nosa era. Foi a última científica pagá do mundo antigo, coincidindo a súa morte coa fin do Imperio Romano. Theón, o seu pai, que era matemático e astrónomo, deulle unha formación extraordinaria, porque estaba decidido a que fose un ser humano perfecto. Educouna desde pequena no exercicio físico e no cultivo da mente. Hipatia, naquel tempo no que as ciencias aínda non se afastaran da filosofía, entregouse ao estudo das matemáticas, astronomía, mecánica, tecnoloxía e tamén da filosofía. Traballou como docente e investigadora no museo anexo á biblioteca de Alexandría. Esta muller, que posuía unha grande beleza e elegancia, rexeitou casar, para se poder adicar por completo ao saber.

Era defensora da racionalidade e crítica do mito, tendo por iso problemas co bispo cristián Cirilo. Eran tempos nos que o cristianismo oficial loitaba contra o xudaísmo polo control das poboacións do Imperio. Un grupo de fanáticos cristiáns, instigados por ese bispo, asasinárona de xeito cruel ao regresar a casa na súa carruaxe, despírona e esnaquizaron o seu corpo con cunchas mariñas, queimando logo os seus restos. Cirilo, curiosamente, acabou sendo un dos personaxes máis influíntes da Igrexa, impoñendo con sobornos o Dogma de María como Nai de Deus e sendo convertido en santo Pai da Igrexa Católica.

A desaparición desta exemplar mártir da ciencia e do logo sinalou o comezo dunha época na que o cristianismo limitará a liberdade de pensamento e imporá ás mulleres un modelo de conduta máis opresivo que o vixente nos tempos clásicos do paganismo, baseado na represión da líbido e na sumisión absoluta ao home.

Comentarios