Hiperchina

Quizais China non necesitaba dos Xogos Olímpicos para convencer ao mundo do incremento do seu poderío global, ese que describen as estatísticas económicas e comerciais que a cotío reflicten os medios de comunicación, pero a forza visibilizadora do deporte deixouno ben ás claras en Pequín, e non parece que se trate dun feito casual favorecido por xogar na casa, senón expresión dunha tendencia consolidada que aventura o progresivo retorno do xigante oriental á primacía mundial, na deportiva e noutras ordes.

O medalleiro das Olimpiadas é expresión tamén doutro fenómeno evidente, a incorporación de China, plenamente involucrada dende hai tempo no proceso de mundialización económica, ao mundo social e cultural global. Que ninguén se estrañe se nos próximos anos, dende o cinema á banda deseñada, dende os avances científicos e tecnolóxicos a moitos outros dominios, a presenza de obras e autores chineses comeza a emerxer con lus propia, plasmando esa vontade de figurar no podio universal que acompaña un proxecto que ata agora só chegamos a albiscar na súa dimensión propiamente económica e mesmo asociada a unha categoría de produtos de escaso valor engadido, pero que configura un proxecto moito máis ambicioso. Todo, en suma, irá gravitando cara China.

Fronte a esa certeza que nos deixan os Xogos de Pequín, abrindo un novo tempo nesa rica civilización cinco veces milenaria, a dúbida permanece sobre a intensidade do acercamento de China aos valores universais, hoxe en entredito polas reticencias a asumir un maior compromiso e máis efectivo co respecto dos dereitos humanos. Razóns políticas, culturais, demográficas e socioeconómicas seguen a xustificar as resistencias do réxime. Conceptualmente, dise que si; na práctica, que non.

Certo que China se atopa aínda nunha etapa primaria do seu desenvolvemento económico e político e que a súa capa dirixente, organizada no seo do Partido Comunista, presenta unha faciana cada día mais definible como tecnocrática e corporativa, parcialmente afastada de rancias ataduras ideolóxicas, pero a demora na apertura de espazos de pluralismo e de participación social pode, non tan á larga, complicar e agravar os enormes desafíos que ten por diante para culminar con éxito este, por outra banda, asombroso proceso.

Comentarios