Igualdade en Sanxenxo a través da diversión

A Concellería de Benestar Social sanxenxina impulsa 'Somos iguais, medremos iguais', un proxecto lúdico dirixido a nenos de Primaria co obxectivo de evitar futuras condutas machistas
La edil de Benestar, Sandra Fernández (centro), en un instante de la presentación de la iniciativa
photo_camera La edil de Benestar, Sandra Fernández (centro), en un instante de la presentación de la iniciativa

Somos iguais, medremos iguais xa está en marcha. O proxecto, impulsado pola Concellería de Benestar social de Sanxenxo e o Centro de Información á Muller (CIM), ten como obxectivo fomentar a educación en igualdade entre os alumnos de 1º de Primaria. Esta iniciativa, pioneira na vila, aspira a desenvolverse noutros cursos se esta primeira proba ten éxito.

A concelleira deste departamento, Sandra Fernández, considera que estas idades son ideais para inculcar aos cativos valores que sirvan para non dar cabida á desigualdade e á violencia machista a medida que van medrando. A actividade busca conciencar, pero sempre a través da diversión e da implicación familiar. Por iso, as mochilas de traballo repartidas pola Administración municipal entre os diferentes centros educativos de Sanxenxo inclúen libros de lectura, cadernos de traballo e a película Billy Elliot. "Eliximos este filme polo seu argumento transgresor", sinala Fernández Agraso, que entende que é necesario que "todos os membros da familia perciban a importancia de romper co establecido entre os sexos e apoien aos cativos a que fagan realidade os seus desexos e motivacións con independencia de seren homes ou mulleres".

Con respecto aos contos, os pequenos poden elixir entre Nera a Ferreira e O Meniño Nito. Entón os homes choran ou que?’. Pola súa banda, os cadernos de traballo constan de catro unidades, nas que se tratan temas como a corresponsabilidade nas tarefas do fogar ou os xogos en igualdade. "Hai que facer ver á socidade que non existen xoguetes para nenos e xoguetes para nenas. Cada un ten dereito a gozar do que considera oportuno", apuntou a concelleira de Benestar Social, que adianta que "nesta unidade traballarase basicamente con debuxos e cores". A última unidade versará sobre os contos infantís. "Son acompañantes activos no crecemento dos nosos fillos e transmiten valores, crenzas e estereotipos que debemos ter moi en conta", salienta Fernández Agraso. Deste xeito, os organizadores da campaña apostan por facer unha análise en clave lúdica dun clásico coma Cincenta. "Na mochila tamén se inclúe unha versión alternativa da mesma historia, de xeito que os nenos poidan percibir a diferenza entre as dúas protagonistas dunha forma divertida e sinxela".

Sandra Fernández fixo fincapé na importancia de que as familias dos alumnos participen activamente nas iniciativas que forman parte de Somos iguais, medremos iguais. Os veciños que o desexen poderán facer uso dun diario de experiencias, onde "poderán anotar todo o que consideren oportuno sobre este proxecto. A idea é que funcione como un catalizador de opinións", concluíu a edil do BNG. Ademais, as familias poderán cubrir unha enquisa.

Comentarios