lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

A Ilustración xa ten o seu día

Xesús Vázquez (centro) observa unha exposición de contos ilustrados na biblioteca pontevedresa. rafa fariña
Xesús Vázquez (centro) observa unha exposición de contos ilustrados na biblioteca pontevedresa. rafa fariña

PONTEVEDRA. Galicia celebrou onte por primeira vez o Día da Ilustración, unha data escollida pola Consellería de Cultura da Xunta por coincidir co día de nacemento de Castelao, «a quen consideramos o pai da ilustración galega».

Así o asegurou o conselleiro Xesús Vázquez en Pontevedra, na inauguración do faladoiro ‘A ilustración gráfica hoxe en Galicia’, que tivo lugar na Biblioteca Pública Antonio Odriozola.

«Con esta data queremos lembrar a capacidade creadora dos grandes ilustradores clásicos como Castelao, Luis Seoane, Maside, Colmeiro e dos novos como Miguelanxo Prado, que vén de recibir o Premio Nacional de Ilustración», sinalou, para engadir que «se no pasado hai unha potencia prodixiosa, o presente demóstranos que Galicia tamén ten un papel que expresar nas novas formas de edición e de difusión de contidos».

Nesta liña, o conselleiro salientou que os novos ilustradores abren portas nos mercados a través das cales «a imaxe de Galicia gaña en prestixio no seu conxunto, feito que invita a confiar en todo o que leva o noso selo de orixe».

Debate

O faladoiro ‘A ilustración gráfica hoxe en Galicia’ contou coa participación dos ilustradores Marina Seoane, Almudena Aparicio e Manuel Uhía e estivo moderado por Henrique Torreiro, organizador das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense durante oito anos e secretario técnico da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Torreiro comentou antes de que comezase o debate que a creación dunha data tan específica «é unha demostración de que se poden vencer os prexuízos sobre esta disciplina» e fixo fincapé en que se trata dunha efemérides única a nivel nacional.

Ao seu entender, a crise económica e a crise do libro en xeral polo panorama dixital son os principais escollos cos que se enfronta este tipo de arte.

Os actos celebrados co gallo do Día da Ilustración en Galicia prolongaranse ata o 7 de febreiro en diferentes puntos de Galicia. Ese día Miguelanxo Prado, que foi quen deseñou o cartel conmemorativo desta efemérides, falará nun coloquio no Museo de Belas Artes da Coruña sobre a súa obra.

Así mesmo, a AGPI fixo onte público un comunicado no que amosou a súa satisfacción por unha data que «como outras medidas, pode dar unha maior visibilidade á profesión».

«Queremos tamén reivindicar a memoria doutros grandes ilustradores galegos, como Federico Ribas, Manuel Bujados, Castro Gil, Julio Nieto Nespereira e moitos máis, aos que algún día deberiamos dedicar exposicións e charlas, porque forman parte da historia da arte e da cultura en Galicia», sinalou a asociación.

Os ilustradores Marina Seoane, Almudena Aparicio e Manuel Uhía participaron no debate, moderado por Henrique Torreiro

A Ilustración xa ten o seu día
Comentarios
ç