A imaxe dixital

(*)

Pensa en cando coñeces alguén no ximnasio ou de copas, ¿nunca o buscas en Facebook? Ou vaiamos máis aló, e pensa que vas contratar a esa persoa para a túa empresa, ¿resistiríaste a buscar o seu nome na internet? As nosas fotos, os nosos traballos, as nosas publicacións, as noticias en que aparecemos, todo en xeral, crea a nosa imaxe dixital e esa imaxe ten tanto ou máis repercusión que a propia imaxe física. Á hora de formar a nosa marca persoal non podemos esquecernos de internet, xa que quen non está na rede non existe y só os que non existen son capaces de non estar na rede. Abonda con teclear o noso nome en Google para saber quen somos e para comprobar que somos aos ollos dos demais.

A imaxe dixital condiciona a imaxe real ata tal punto que unha vez creada a primeira é difícil cambiar a segunda. Se dificilmente te resistirías a indagar sobre outras persoas na rede, ¿acaso cres que eles non farían o mesmo contigo? Pensa agora en cando vas mercar calquera produto. Pensa, por exemplo, no hotel que vas reservar para as túas vacacións, ¿atreveríaste a contratalo sen comprobar as opinións doutros usuarios? ¿E sen ver as fotos? ¿Impórtache máis o que che poidan contar na axencia de viaxes ou o que poidas descubrir por ti?

A web 2.0 achega marcas e consumidores, incluso lles permite manter un diálogo que antes nunca fora practicado. Coas marcas persoais ocorre igual. Como case todo na vida este fenómeno ten vantaxes e inconvenientes, pero os pros gánanlles aos contras. Que a nosa marca estea no escaparate dixital non é malo, xa que só se somos visibles poderán vernos e só se nos ven poderán interesarse por nós. No entanto, o verdadeiramente perigoso radica entre o que queremos mostrar e o que estamos mostrando, porque non é igual o que somos que o que os demais pensan que somos, é dicir, unha cousa é a nosa marca e outra a nosa reputación.

Non podemos deixar que sexan outros os que falen por nós, pero tampouco se nos permite o silencio. ¿Sabes que hai moitas marcas que teñen perfís en Faceboook sen que elas o saiban? A rede axúdanos a lograr os obxectivos fixados, pero tamén é unha grande aliada para destruír os conseguidos se a comunicación non é a adecuada o se perdemos o control sobre a mensaxe transmitida. Lembra que non é igual estar que saber estar.

(*) Se mantiene el idioma original del artículo.

Comentarios