As imaxes de Lobato levan aire ás velas da tradición

A xornada contou cun momento para o recollemento, coa celebración dunha homenaxe aos falecidos do mar
Xornada de navegación pola ría
photo_camera Xornada de navegación pola ría

Combarro repetiu este sábado o seu papel de fervedoiro de visitantes e acción dentro da programación da XIII Concentración de Embarcacións Tradicionais.

A aguilloada do patrimonio volveu a ser o referente de ducias de grupos familiares desde primeira hora da xornada. A ausencia de chuvias permitiu realizar navegacións de todo tipo pola ría e que a práctica maioría das 150 embarcacións concentradas despregara as súas velas fronte á costa de Poio.

Nas carpas dos pavillóns do patrimonio tampouco faltaron puntos de interese, desde as instalacións da escola mariñeira A Aixola de Marín, que iniciou a reparación dunha embarcación, ata as das redeiras tradicionais, que non cesaron, nin un instante, de realizar o seu labor.

No interior deste espazo presentouse un dos volumes protagonistas deste encontro: a obra Vento nas Velas, do fotógrafo Xurxo Lobato, que recolle estampas dos principais tipos de embarcacións tradicionais galegas e aspectos diversos que xiran en torno á tradición marítima. Na presentación do traballo estiveron o propio Lobato, Avenlino Ochoa e Lino Prieto, ademais do deputado provincial Xosé Leal, quen aclarou que este volume pasará a formar parte do material de apoio da exposición itinerante Fasquías, embarcacións tradicionais a escala, que conta con 18 reproducións das máis senlleiras mostras de embarcacións galegas.

A mostra percorrerá, despois desta estrea, distintos concellos da provincia, dentro da celebración do Ano do Patrimonio posta en marcha pola institución provincial. Máis aló da parte documental, a concentración contou con diversos obradoiros infantís, música e poesía, que mantiveron cheo de acción o recinto do evento.

A xornada tamén contou cun momento para o recollemento, coa celebración dunha homenaxe aos falecidos do mar, e cunha cita musical de primeiro nivel, coa presenza do Orfeón do Berbés e Susana Seivane. 

Comentarios