Información antes de tempo

Parece que todos temos clara a dimensión da comunicación pública, aínda que ás veces esquecemos que falar para o mundo implica unha responsabilidade que pode afectar a un número importante de persoas. De feito, os erros na comunicación que se fai desde empresas e organismos oficiais poden provocar graves problemas. Isto comprobárono nas súas propias carnes os responsables do Ministerio do Interior esta semana, cando un comunicado oficial sobre unha operación policial contra ETA foi difundido desde o goberno antes de que comezara a propia operación. Non tiven oportunidade de ter máis detalles desta información que o publicado nos medios, pero coincido nas declaracións do Ministerio que clasificaron o sucedido como un «erro humano». Sen embargo, discrepo na interpretación que se lle dá a este concepto. Tal e como di o comunicado oficial, parece que o erro foi difundir a información antes de tempo. Sen embargo, para min o principal erro é que a información estivera elaborada antes de que o suceso se producira, máxime cando non se debera ter nin idea de como ía acabar todo. No xornalismo tense a máxima de que o primeiro que chega gaña dúas veces, pero debemos ter moi clara a diferenza entre adiantarnos na chegada aos acontecementos, ou mesmo na elaboración da noticia, e construír un relato con vistas á adaptar a realidade a esa estratexia. O feito de que o comunicado estivera feito antes de iniciarse a operación implica que os responsables do Ministerio escribiron un guión do que ía pasar previo á propia operación. Isto, nas películas funciona ben, pero algo non funciona ben cando os xornalistas do gabinete do Ministro saben o que vai facer a policía horas antes de que o xuíz de a orde de iniciar o proceso. Non me gusta que nos temas de seguridade se traslade a información que todos queremos escoitar en lugar de difundir a realidade. Moitos estamos encantados con que se deteñan a terroristas ou colaboradores de terroristas, pero non deberiamos permitir que o altavoz desta boa nova nos abouxe e non nos deixe coñecer o que realmente está pasando. Teño certo temor de que a información que se traslada desde as fontes oficiais sexa habitualmente un guión dunha película e non un relato dos feitos reais. Creo nas estratexias pero temo aos que retorcen os acontecementos para que vaian cadrar cos seus intereses, sen importarlle nin a verdade nin os intereses dos demais. O incidente desta semana tivo consecuencias inmediatas, como a sospeita da Garda Civil sobre a ocultación de datos xa que os investigados, e logo detidos, souberon polo xornal que os Gardas estaban en camiño. Por iso, ao día seguinte houbo que facer rexistros en lugares non previstos. Sen embargo, o importante é que estamos aprendendo como funciona a maquinaria que configura estes asuntos e, sinceramente, mete bastante medo.

Comentarios