As inscricións no MiniPazo Club faranse por internet a partir do ano que vén

A edil de Cultura, Carmen Fouces, confirma que o Concello traballa para que rematen as colas de madrugada no Pazo da Cultura ►"É o momento de darlle unha volta a este tema"
Ringleira de persoas ás oito da mañá no Pazo da Cultura agardando para inscribirse nos obradoiros infantís do Concello
photo_camera Ringleira de persoas ás oito da mañá no Pazo da Cultura agardando para inscribirse nos obradoiros infantís do Concello

Dende a unha da madrugada, "mesmo un pouco antes", segundo afirmaban algúns dos presentes, houbo xente gardando cola este martes, á entrada do Pazo da Cultura de Pontevedra, para inscribirse nalgún dos obradoiros infantís que pon en marcha o Concello de Pontevedra cada curso dentro do proxecto denominado MiniPazo Club. "Houbo xente agardando toda a noite, pero o groso das persoas chegou arredor das cinco da mañá", puntualizaba o persoal do Pazo. Será a última vez que se dea esta situación, que vén repetíndose nos últimos anos. "É o momento de darlle unha volta a este tema", confirmaba o martes a concelleira de Cultura, Carmen Fouces. "Estamos a traballar para que, a partir do ano que vén, estas inscricións se realicen por internet. Informarase puntualmente de como se poderá facer o trámite para que ninguén quede descolgado, pero non pode ser que se siga dando esta circunstancia, propia doutro tempo, de persoas gardando cola toda a noite para apuntar aos nenos nuns obradoiros".

A concelleira tamén aclarou que o atraso na posta en marcha deste sistema on-line estaba relacionado coa idea de que para parte do público fose complicado o acceso á rede. "Neste sentido gustaríame lembrar que na Casa Azul existe unha aula de informática, cun monitor que, chegado o caso, podemos poñer a disposición das persoas nesa situación".

lista de espera. O MiniPazo Club ofertaba este ano máis de 300 prazas en tres obradoiros dirixidos a cativos de entre 4 e 13 anos. Só quedaron cubertas as prazas dos obradoiros –de expresión dramática– que dirixe Migallas, Á procura do tesouro –matrícula, 50 euros–, e as dun dos grupos do Rocklab –o obradoiro de música que dirixe Gonzalo Maceira, de Furious Monkey House, que ten unha matrícula de 100 euros–, segundo explica o persoal do Pazo da Cultura. "De calquera maneira, seguen abertas as listas de espera en Á procura do tesouro. É un dato moi a ter en conta porque Migallas fai todo o posible para que todos os cativos que queiran apuntarse teñan cabida nas actividades".

A xornada do martes pechouse con prazas dispoñibles tanto na maioría dos grupos do Rocklab como nos obradoiros de animación á lectura de Pavís Pavós, A hora do conto –50 euros–. Este ano desapareceron os talleres de creación plástica e os de ciencia. Pódese obter máis información nas oficinas do Pazo da Cultura.

Comentarios