"A inserción laboral na FP dual é moi elevada, sobre todo na dobre titulación"

Afronta o novo curso cun 90% de matrícula nun centro que é referencia no mundo culinario a nivel educativo e que ten en marcha numerosos proxectos, desde investigación con camelias ao papel comestible, sen esquecer o certame de sumilleres e a participación, por cuarto ano consecutivo, nos Premios Princesa de Asturias
Hermo, nas cociñas do centro, rodeado de alumnos
photo_camera Hermo, nas cociñas do centro, rodeado de alumnos

Cal é o nivel de matrícula para este curso que acaba de empezar?
Incrementamos con respecto ano anterior, pero ofertamos novos ciclos e nos novos aínda hai prazas. Os de Cociña e Aloxamentos Turísticos están ao 100% desde xuño, pero nos de Servizos e Restauración aínda queda algunha vacante. Estamos rondando o 90% da capacidade do centro.

Hai algún ciclo que estea en perigo por baixa demanda?
Un de FP dual, que nos resulta moi alarmante que non se cubra. O de Xestión de Aloxamentos Turísticos, que é o terceiro ano que o ofertamos e desta vez ten pouca demanda. Tamén é certo que hai un repunte de emprego e aos alumnos non lles chaman os ciclos para ser camareiro.

Aínda pervive a idea de que calquera vale para ser camareiro e non é preciso estudar?
É certo que mudou un pouco, pero ese tópico segue calando na xente nova e, sobre todo, nos pais, que lles queren buscar outro futuro e non ven o oficio de camareiro como unha opción laboral. E iso que a demanda de emprego é elevadísima porque cada vez somos máis un referente turístico. Este foi o ano que recibimos máis solicitudes de emprego e o 70% eran para camareiro. E non as demos cuberto. Tamén é certo que hai empresarios que se acordan coa temporada enriba. Alumnos de primeiro xa estiveron traballando todo o verán e con bo salario.

"Somos dos primeiros de Galicia en implantar este modelo de formación. Son poucos ciclos, pero funcionan moi ben"

Este curso estréase a dobre titulación do CS de Cociña e de Servizos de Restaurante. Como se organiza? Que tal foi a acollida?
Son catro cursos reconvertidos en tres anos. Collemos os dos títulos, fusionamos os módulos equivalentes e fixemos un itinerario fixo modular. O primeiro ano fan os módulos de Servizos, no segundo os de Cociña e no terceiro é un mixto. A acollida foi boa, temos 16 matriculados. As posibilidades de inserción laboral deste ciclo son moi altas porque de aquí saen directores de alimentación e bebidas, os que controlan toda a área de restauración. Vai en FP dual, co que desde o momento en que se matriculan xa están na empresa. En cada curso van estar seis meses aquí e seis na empresa. Así que en tres anos terán dous títulos e experiencia laboral certificada.

Cal á traxectoria da FP dual no CIFP Carlos Oroza?
Empezamos en 2013, fomos dos primeiros de Galicia en implantar este modelo de formación. Son poucos ciclos, pero funcionan moi ben. Teñen moi boa acollida polo alumnado e a inserción laboral é moi alta. Da primeira promoción tituláronse 27 e seguen 21 na empresa. O noso convenio é co grupo Hotusa, coa cadea de hoteis Eurostars. O alumnado pode estar facendo prácticas en toda Europa. Temos estudantes en Alemania, Praga, Barcelona, Córdoba, Oviedo... Para nós é laborioso, porque o titor ten que facer o seguemento de todos eles, pero os resultados son moi bos.

Nótase a diferenza coa FP convencional?
Si. No momento no que un alumno vén á FP dual a súa mentalidade xa cambia. Sabe que vai traballar nunha empresa e a aprendizaxe é máis rápida.

Imparten FP básica desde o curso pasado. Como está a funcionar?
Empezamos coa ampliación das instalacións. Temos un ciclo de Cociña e Restauración. Son dous cursos. É para rapaces que están en idade de escolarización obrigatoria e as súas expectativas son de non rematar a ESO. Trátase de previr un fracaso escolar. Foi unha sorpresa grata, xa que dos 18 que empezaron seguen 14 en segundo. Hai un cambio radical neles, no comportamento, na actitude... Son os únicos menores do centro e estamos todos arroupándoos. A partir de maio farán prácticas seis semanas en empresas.

"No momento no que un alumno vén á FP dual a súa mentalidade xa cambia. Sabe que vai traballar nunha empresa e a aprendizaxe é máis rápida"

A Ponte Van e A nosa camelia, tan curiosa como saborosa son os proxectos máis coñecidos que ten en marcha o centro. Hai algún máis na recámara?
A Ponte Van vaise estrear a fin de semana -a entrevista fíxose o pasado mércores- na Pont-Up Store, estará na feira Etiqueta Negra e noutra de food-trucks en Bilbao. Co da camelia empezaremos cos traballos de investigación sobre a súa aplicación na cociña e con todo o relacionado co turismo. Son proxectos que se manteñen vivos ano tras ano. Co primeiro, o de turismo accesible, empezamos hai seis anos. Desenvolvemos outro co Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (Igafa), para darlle unha aplicación culinaria axeitada ao produto de piscifactoría, sobre todo a nivel caseiro, e continuamos facendo actividades con él. Outro proxecto que segue vivo é o do papel comestible.

Papel comestible?
Non o promocionamos moito porque andamos a voltas coa xestión dunha patente. A idea é quitarlles as fibras a alimentos, tipo porro, apio, algas e, cun tratamento, obter unha lámina comestible, na que se poden envolver produtos para fritir, escribir neles con colorante alimentario... Por exemplo, unha carta de restaurante que se poida comer.

Como para pensar nalgún máis.
Si, a verdade é que aquí ao persoal a cabeciña non lle para. Está constantemente propoñendo ideas e moitas dan moi bo resultado. É unha forma de ensinarlle ao alumnado doutro xeito. Volveremos organizar o Campionato de Sumillería, que chega á súa quinta edición, sobre a denominación de orixe de Valdeorras. Incorporaranse centros novos. Estamos esperando que nos confirme unha escola de hostalería de Biarritz (Francia), coa que facemos intercambios. Tamén faremos un congreso de formación para todos os profesores de hostalería e turismo de Galicia; volveremos participar nos Premios Princesa de Asturias, por cuarta vez consecutiva; iremos a Fitur... Queremos consolidar todos estes proxectos e que se concreten as obras para contar con aulas novas.

Comentarios