miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Interfaces de Satán

Os talentosos columnistas mátanse por atopar un punto de vista ou enfoque inédito —o cal é case imposible— sobre o novo presidente dos Estados Unidos

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Dique nunca tanta novela distópica se vendeu desde a Guerra Fría. Un matón encarámase ao podio do mundo e parece que preferimos a ficción á Historia como mecanismo para comprender o que pasa. Deben ser eses "feitos alternativos" dos que fala o gabinete de Trump. A verdade, se cadra, está na ficción.

OÍDO Este é o momento insoportable das revistas norteamericanas. Bótolle unha ollada á web de The New Yorker e vexo que todas, todas as columnas de opinión da revista están dedicadas dun xeito ou outro a Donald Trump. Acontece o mesmo en Slate, na New York Review of Books ou en calquera outra publicación de calidade. Os talentosos columnistas mátanse para atopar un punto de vista ou un enfoque inédito —o cal xa é case imposible— sobre o novo presidente dos Estados Unidos. E aí penso que de algún xeito o ególatra Trump xa gañou o que pretendía. Estendeuse como unha auténtica nube de contaminación ambiental sobre o ecosistema cultural do mundo, un zunido perturbador, penetrante e exasperante ocupando mentes e conciencias ata acadar o aburrimento e o sopor global.

Quizais haxa/sexamos unha inflación de escritores facendo autopromo nas redes e cohibindo o lectorado


VISTA. O diplomático Inocencio Arias leva xubilado desde 2010, e é autor dunhas memorias de título saboroso: Yo siempre creí que los diplomáticos eran unos mamones (Plaza & Janés). Confésolles a miña febleza polos libros de memorias de políticos e persoeiros públicos aínda vivos, nos que debullo as súas (cativas) vinganzas e axustes de contas en letra impresa. Imaxínomos gardando con rencor esa puñalada que lle meteron polas costas nos 80 para cando as súas memorias foran escritas. O importante nestes libros adoita ser marxinal e hai que ler entre liñas. Pero se quedaron con gañas dalgunha leria, direilles que Sonsoles Espinosa levou a un diplomático amigo de Alxer a París en comisión de servizo para que lle fixera de guía persoal pola cidade das luces. Ou alomenos iso di Inocencio Arias, que ofrece outros detalles substanciosos como a importancia dos baños da Onu para negociar entre micción e micción ou o seu parecido co actor Robert de Niro.

OLFATO. Estamos asistindo á auténtica batalla da nova televisión á carta. Movistar, Netflix, HBO, Amazon... A gran batalla, por extensión de catálogo e prezos é, ao meu ver, entre Netflix e HBO. Fago aquí un vaticinio. Vai gañar Netflix por goleada en número de subscritores. Aínda que ambas as dúas adoecen dun catálogo escaso ata o momento e os prezos de subscrición son similares, a gran diferencia é a interfaz. Os menús de acceso ao contido de HBO parecen deseñados polo fillo parvo e nerd de Satán: non aproveita o inxente caudal de contidos para personalizar a experiencia do usuario nin tirar proveito do catálogo, e consegue exasperar coa súa lentitude e estrutura inmóbil. Chéirome un fracaso perplexo e un abandono triste por parte dos seriéfilos.

TACTO. Gonzalo Torné sostén en El Cultural que os autores que dan o peñazo en Twitter cos seus libros se converten en molestas presenzas, coma os adultos que supervisan os xogos dos nenos prometendo non meter man. Dá igual, ti sabías que papá estaba aí e xa cortaba o rollo. Hai pouco, nunha coñecida serie histórica, algúns usuarios empregaban un hashtag críptico para criticar con tranquilidade aos asesores, coñecedores de que tamén eles andan polo Twitter. Quizais haxa/sexamos unha inflación de escritores facendo autopromo nas redes e cohibindo o lectorado, que convive demasiado preto, nas pequenas redes que vinculan a creadores e consumidores culturais.

GUSTO. Así como un pode escoitar a moitos cociñeiros tradicionais falando mal da 'nova' cociña, é rarísimo que aconteza o contrario. Os chefs da avangarda gastronómica veneran a cociña tradicional, e non dubidan en manifestar, nas entrevistas con medios, a súa preferencia por pratos de toda a vida. Eu prefiro mil veces un cociñeiro de avangarda preparando pratos de cociña tradicional. Lembro a Marcelo Tejedor cociñando durante horas xarrete, Alberto Manso preparando un churrasco cunha carne nun punto ideal de maduración ou Diego Molineras diseccionando unha cacheira, trinchando de maneira meticulosa as diferentes partes para disfrutar de todos os sabores da parte intelectual do porco. A técnica dun cociñeiro non empeza nas esferificacións, contra tanto tópico barato: comeza na cocción e no asado, como a cociña tradicional. E nótase.

MEMORIA. Exploro entusiasmado o proxecto My House of European History, promovido polo Parlamento Europeo. Trátase de depositar memorias persoais de todo tipo nun gran repositorio común da Unión, posiblemente unha das poucas boas ideas para crear conciencia europea desde a invención do programa Erasmus. Todo feliz, vou publicar as miñas historias e quedo pampo ao ver que non é posible facelo en galego, só na lingua dos estados. Coméntoo polo Facebook e Gabriel Pérez Durán, lector galego na Universidade de Heidelberg, cóntame que emprega algo tan inocente e positivo como este repositorio dunha maneira un tanto maquiavélica: deixa que os seus alumnos alemáns de galego redacten memorias na nosa lingua e que proben a introducilas. Os rapaces alucinan cando descubren que a Unión Europea non llo permite: só en español ou outra lingua de estado, aínda que sexa de fala mínima coma o gaélico. "Así danse de fuciños coa realidade dos estados-nación", sinala Gabriel.

Interfaces de Satán
Comentarios
ç