''Internet non vai acabar cos xornais, iso é mentira''

«Claro que me lembro do meu paso polo Diario de Pontevedra. Lémbrome da xente, de Pedro Pérez, de José Estévez, de Álvaro Agulla… De Ángel García Carragal, que me corrixía as páxinas e sempre dicía: «Escribe ben, home, escribe ben». Empecei substituíndo a Curro Volta, que levaba Cultura, e despois ata exercín de corresponsal en Marín. Que mal o pasei alí o primeiro día. Non sabía nin quen era o alcalde! Sacar adiante aquela páxina si que foi duro. Case morro! (ri) Foi unha etapa moi entrañable, a verdade, moi bonita».

Xosé Pereira (Moraña, 1976), que di que aprendeu como se traballaba na prensa de verdade no Diario de Pontevedra, vén de tomar posesión como decano da facultade de Ciencias da Comunicación. É a persoa máis nova en exercer este cargo na Universidade de Santiago (USC) e tamén a máis nova de España no que a facultades de Comunicación se refire. «Pero o tema da idade é só anecdótico. Que máis ten». É tamén o primeiro alumno do centro que chega ao decanato. «Si, en Xornalismo, porque o primeiro en facelo foi Xaime Fandiño, aquí en Pontevedra, na facultade de Ciencias Sociais».

O caso é que sendo aínda alumno, Pereira era xa imprescindible no funcionamento diario da facultade de Xornalismo. Calquera ex estudante o sabe: os mestres recurrían a el para case todo o relacionado cos aparellos electrónicos e, sobre todo, co manexo dunha nova ferramenta, a daquela incipiente Internet. E é que o decano está especializado en novas tecnoloxías e ciberxornalismo. Iso si, non é nada fanático. Entre PC ou Mac non sabe con cal quedar. «Os dous», di. «Eu teño un Mac, pero na facultade usamos PC. E incluso manexo un Linux, pero gústame menos. Ata certo punto vale, pero despois está moi pensado para os informáticos». Explorer, Safari…? «Todos. Ás veces Explorer, ás veces Safari, ás veces Firefox, ás veces outro… Segundo cadre».

Lembra que sempre quixo estudan Xornalismo e que o primeiro día de clase chegou tarde porque non coñecía Santiago . Perdeuse. «Media hora tarde. Tiven que chamar á porta e pedirlle perdón ao mestre, que era Baldomero Cores».

E agora sucede no cargo a outro mestre histórico da facultade, Miguel Túñez, que deixou de ser decano rodeado dunha certa polémica despois dunha denuncia sindical que se refería a unha cesión ilegal da USC á Radio Galega.

-Pero iso da polémica foi posterior á súa marcha. O meu antecesor tiña un compromiso moi claro: poñer a andar o novo plan de estudos. Dixo en todo momento, dende o mesmo inicio do seu segundo mandato, que, en canto estivera en marcha, deixaba o cargo. Efixo unha cousa importantísima: adaptar os nosos estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior. A fin da lexislatura cadrou co plan sen implantar e el, nun exercicio de responsabilidade moi de agradecer, dixo: ‘non, eu non marcho ata que isto estea listo’. E é que toda esta historia estaba nas mans dun grupo de dez persoas que el coordinaba. Se marcha cando a cousa está a punto de saír, déixanos tirados. O que fixo foi cumprir a súa palabra. Meses despois xurdiulle esa oportunidade na Radio Galega e saltou aos medios a polémica da que falabas.

Confese: cando rematou a carreira deuse de fronte coa precariedade laboral e foi aí que decidíu volver á Universidade.

-Pois non é verdade. Eu empecei a facer prácticas no Diario de Pontevedra dun xeito casual e sen ningún tipo de vinculación laboral. E estaba moi contento, cómodo, pero entón xurdiume a oportunidade de incorporarme a un grupo de investigación en Santiago, con Margarita Ledo, e como aquilo me gustaba, enganchei como bolseiro de investigación. Cando chegou o momento de decidir se aquí ou alá, elixín alá. Pero si que é verdade que a precariedade laboral, que necesariamente se traduce nunha precariedade na calidade do traballo, é un dos problemas máis importantes que hai agora mesmo no mundo dos medios de comunicación. O feito de non ter traballadores laboralmente estables, cualificados e profesionalizados deriva en que saian as cousas que saen nos medios. É un dos problemas máis graves que hai agora mesmo na profesión, sen ningún tipo de dúbida. Na profesión e na industria.

En Galicia, a nivel mundial...?

-A nivel mundial. Fíxate: nos Estados Unidos, panacea do xornalismo libre, o grupo Knight Ridder, que é o grupo máis poderoso de prensa local con 72 cabeceiras, decidíu facer algo abominable: eliminar a todos os xornalistas con experiencia, xubilalos, despedilos, pensando que cun xornalista novo se podía facer o traballo de cinco deles. Foi unha catástrofe. Caeron as vendas e detrás a publicidade. Porque a calidade hai que pagala. Aquí e nunha fábrica de parafusos. E o que pense o contrario, está moi equivocado. A calidade dos traballadores é fundamental para o negocio. Traballadores sen experiencia e sen boas condicións laborais o que fan é un produto de mala calidade abocado ao fracaso, sen credibilidade, esta palabra tan delicada cando falamos de xornalismo. Se non tes credibilidade, despídete, acabouse todo.

Vostede cre na obxectividade do xornalista?

-Sabendo que é imposible, hai que intentar achegarse o máximo a ela, si. É imposible porque no mesmo momento no que se selecciona unha noticia, xa non se está sendo obxectivo. Agora ben, os xornalistas teñen que ter a formación necesaria para saber identificar os elementos obxectivos dunha información, para contrastalos e para poder contarlla á xente. Niso si que creo.

Revisa a prensa pola mañá?

-Claro.

A de papel ou a dixital?

-As dúas. Normalmente a local en papel, a nacional e a internacional a través de Internet. A nacional, por comodidade. A internacional, por necesidade.

Hai quen di que os xornais en papel teñen os días contados.

-É verdade que hai quen o di e é verdade que é mentira. Na historia dos medios de comunicación nunca un soporte eliminou a outro: nin a tele acabou coa radio, nin esta co periódico, nin Internet vai acabar con todos. Outra cousa é que se teñan que reaxustar. Iso si ocurre: a televisión dos anos 50 non ten nada que ver coa de hoxe. Cada soporte vai atopando unha necesidade que cubrir. A tele hoxe en día céntrase no entretemento, no espectáculo. A radio é a inmediatez. E o papel é a memoria. Os xornais teñen a función de analizar, estudar e profundizar nas novas cun claro valor histórico. Hai pouco saíu un informe nos Estados Unidos que desvelaba que cando o lector abre o xornal coñece o 70% das informacións que se publican. Por iso o papel do xornal está virando cara a oferta de reflexión sobre a actualidade: infografías, análises, opinións, revisión hemerográfica, contextualización… Ese é o rol que asume o xornal en papel. Internet está máis relacionada coa inmediatez: en tempo real ofrece texto, fotos, vídeo, documentos, algo que ningún outro medio pode ofrecer. E ademais ten como engadido a posibilidade da interactividade, toda unha novidade: o usuario elixe ver o que quere, cando quere.

Como andan coas novas tecnoloxías na facultade?

-Eu teño catro preocupacións como novo decano. A primeira é mellorar a formación dos estudantes. É dicir, non me preocupan tanto as novas tecnoloxías, porque a nosa facultade está ben equipada nese sentido, como o uso que se fai delas. Hai que melloralo. Tampouco é que crea que os nosos estudantes deban ser técnicos, porque para iso xa hai outros profesionais, pero si que teñen que ser usuarios que coñecen as potencialidades das ferramentas.

Comentarios