Jesús Vázquez: ''Podríamos tener más docentes, pero queremos evitar el colapso de nuestro sistema educativo''

Fillo da emigración, Jesús Vázquez (Nuremberg, 1967) confía en que o inicio do curso escolar veña marcado pola normalidade, pese a convocatoria de folga por parte dos sindicatos.

PREGUNTA: ¿Como afronta a consellería o inicio de curso?
RESPOSTA: Un inicio de curso sempre é complicado pola súa magnitude. Son máis de 400.000 rapaces se temos en conta os estudos ordinarios e os que non, máis de 90.000 rapaces transportados, 30.000 profesores, máis de 67.000 comidas, 1.500 centros... Sempre é complicado. Nos meses de verán lévanse a cabo moitas obras de renovación, reposición e melloras en centros. Agosto é un mes de traballo para a consellería porque en certa medida achégaste aos centros, aos equipos directivos, e comprobas in situ o estado das obras... Eu espero que o día 12 o 100% dos centros de infantil e primaria estean sen incidencias no que respecta á actividade da consellería.

P: E fóra da actividade da consellería, espera un inicio conflitivo?
R: O final do ano pasado tamén se anunciaba como un curso moi conflitivo e non o foi, quizais foi o ano de menor incidencias en moito tempo. Podemos falar dun curso de total normalidade. É certo que agora hai unha convocatoria de folga, e evidentemente mostramos un total respecto. Pero apelo á profesionalidade, son moitos os docentes que coñecen a situación de crise pola que estamos a pasar. E son moitos os que tamén comprenden as decisións que está adoptando a consellería. O actual goberno está a facer un esforzo moi importante para que a educación non se vexa tocada polo efecto da crise.

P: A coincidencia coas eleccións do 20 de novembro, ¿elevará a conflitividade?
R: Eu prefiro pensar que non, polo que toca á parte puramente escolar. Penso que pode ser utilizado dende os partidos políticos ou certos sindicatos, pero dentro da comunidade escolar penso que non. O ano pasado había unha alerta e o profesorado respondeu cunha grande profesionalidade. Asumiu os cambios e asume as circunstancias que nos están a tocar a todos. Preferiría pensar que por un lado está a educación e por outro a política.

P: ¿Como afecta a crise nos orzamentos educativos?
R: Afecta. Este goberno está actuando con racionalidade e eficacia, aplicando medidas que pensamos que a cidadanía e o sistema educativo entenden. E que en moitos casos comparten. Dicir que a crise non afecta ao sistema educativo é erróneo. Dentro dese axuste non lle vai a afectar a parte educativa propiamente dita. Si haberá que planificar algún tipo de actuacións, como as obras, as construcións ou as ampliacións de centros. Neste momento temos as mans atadas. Non podemos poñer en marcha novos centros ou novas construcións. As axudas ás familias, para os comedores, o transporte escolar, proxectos como o Abalar, potenciar as linguas estranxeiras, tratar os centros cos mellores recursos posibles... Iso é o que trataremos de cumprir. Outras actuacións haberá que ralentizalas.

P: A educación, igual que a sanidade, acapara boa parte do orzamento da Xunta. ¿Hai marxe para reducir gasto?
R: Neste momento a consellería está a actuar cun uso eficiente dos recursos. Sempre hai actuacións concretas, puntuais, que a propia comunidade educativa ve, nas que se pode actuar máis eficientemente. Fixémolo co transporte ano tras ano, cunha reestruturación das liñas. Hai modificacións todos os anos, moitas, e trátase de agrupar e ordear liñas. Levamos a cabo un acordo cos propios transportistas, que produciu unha rebaixa do 7% do custo da factura; e o custo do transporte escolar é de máis de 120 millóns de euros. Sempre hai pequenas cousas que se poden racionalizar, de forma que lle ofertes á sociedade máis con menos recursos.

P: A ampliación de xornada lectiva dos profesores, para homoxeneizala co resto de España, motivou protestas...
R: Imos puntualizar. O obxectivo desa medida non foi homoxeneizar e non se lle incrementou a xornada laboral, só houbo unha reestruturación da xornada lectiva, pero a laboral de 37 horas e media é a mesma. E o obxectivo principal é incidir en certos aspectos que son unha lacra para o sistema educativo galego: o fracaso, o abandono, as actuacións de orientación e apoio... detrás desta medida está adicar máis horas aos nenos. É para obter mellores resultados no sistema, porque se poñen a disposición máis horas no centro.

P: Pero xerou protestas...
R: Estamos nun momento de crise. Evidentemente, isto podería facerse con maior número de profesores, pero temos que ser consecuentes e esta medida axuda a conter o gasto. Non podemos chegar a un momento en que esteamos a gastar por riba do que temos, se queremos evitar un colapso do sistema educativo. E temos que garantir ao profesorado que vai ter unhas condicións como en anos anteriores. É certo que hai comunidades que representan o 80% da poboación, como Andalucía, Madrid ou Valencia, que teñen as mesmas circunstancias, 25 horas lectivas.

P: ¿Cre entón que o profesorado entendeu a medida?
R: Hai moitísimo profesor que o entende. Evidentemente é cambiarlle o estatus a un profesorado. E como docente entendo a súa preocupación. Pero son consecuentes de que entre todos temos que facer un esforzo para obter mellores resultados.

P: ¿Que vai cambiar coa nova lei de convivencia?
R: A Administración é sensible cos rapaces, a familia e co magnífico profesorado que temos. Esta lei o que pretende é dar apoio ao profesorado e busca apoiar aos que sofren certas situacións. Nisto é moi pioneira porque introduce o tema do acoso escolar, máis grave do que parece. Son moitos os rapaces que poden estar sufrindo esta situación. Ao longo do curso elaboraremos protocolos para o acoso escolar e o cyberbulling, e imos constituir comisións de traballo para avanzar en normas regulamentarias sobre ferramentas informáticas para xestionar información sobre convivencia.

P: ¿Hai preocupación na consellería polo incremento do acoso escolar nas aulas?
R: Si, igual que pola perda de certos valores, do esforzo e incluso nalgúns casos a pouca implicación das familias no sistema educativo. Só cun caso de acoso escolar, estás facendo que a etapa máis bonita da vida dun rapaz poida converterse nunha verdadeira tortura. Por desgraza vivimos nun mundo ante unha perda de valores, nun progreso tecnolóxico moi importante, e aparecen novas ferramentas que poden provocar novos modos de acoso. Non deixa de ser preocupante para calquera administración.

P: ¿En que situación está Galicia en fracaso escolar?
R: Galicia historicamente estivo sempre nunha posición vantaxosa con respecto ao resto de España, con cinco puntos menos en fracaso e abandono, pero moi lonxe da media europea. É un tema no que toda España ten que traballar, e Galicia tamén. E non podemos abandonar o horizonte de converxer con Europa nese apartado. Dende que tomamos posesión do goberno podemos falar dunha baixada moi importante. Na anterior lexislatura, por múltiples circunstancias, produciuse un avance moi importante do abandono e fracaso escolar. Agora reduciuse en tres puntos.

P: ¿Hai unha parte do abandono escolar que é crónica?
R: A Administración nunca se pode dar por vencida nese sentido. É máis, hai unha serie de factores que non contribuiron a mellorar esa situación. España nas últimas décadas incrementou os fondos para educación e non mellorou os resultados. É unha cuestión que moitas veces ten que ser adoptada dende un cambio da lei educativa, que é necesaria. Pero non hai un mal crónico. Hai situacións difíciles de superar, pero a Administración ten que intentar superalas.

P: ¿Que balance fai da aplicación do novo decreto do galego?
R: Penso que a comunidade escolar respondeu de maneira satisfactoria a situación de conflito que se vivía previamente. E penso que nestes momentos é un tema que vai moi asociado ao plan de potenciación das linguas estranxeiras. A sociedade galega estaba a demandar un paso adiante, penso que era necesario impulsar a aprendizaxe de linguas coa introdución de asignaturas que non son de lingua, pero onde a lingua vehicular fose unha estranxeira, e aí están os resultados. Coas seccións bilingües tiñamos o obxectivo de crear 1.600 nesta lexislatura, e xa levamos 1.800.

ESCOLAS UNITARIAS
P: Seguiranse reducindo escolas unitarias no rural galego?
R: A tendencia variou moítisimo nese sentido. Na provincia de Lugo só se pechou un centro en Foz, e en Ourense cero. Cando nós chegamos ao goberno, adoptamos unha decisión: que os centros con cinco ou menos alumnos se pechaban por cuestións puramente pedagóxicas. Era unha decisión para dar transparencia. Pero non é unha cuestión de hai un ano, nin de cinco nin dez. Vén de lonxe. Si que é certo que nós, para sermos transparentes, fixamos un punto para que todo o mundo soubese o que hai, salvo circunstancias especiais.

P: ¿Que previsión ten a consellería para os vindeiros anos?
R: Penso que a tendencia é a estabilizarse. Se comparamos a media do anterior goberno co que pechamos nós, é moito menor. Este ano foron 14. A media do anterior goberno era en torno a 20. Eu entendo que hai unha estabilización. A medio prazo non sabes como vai evolucionar a poboación, depende da estrutura demográfica. Este ano con seis ou sete alumnos non hai practicamente ningunha. Probablemente sigan pervivindo.

P: ¿Está satisfeito coa implantación do plan Abalar?
R: É un proxecto que implica a participación, formación e tecnoloxías, e iso sempre dá unha serie de problemas na posta en marcha. É algo moi ambicioso, trata de implicar as TICs en todo o sistema educativo, pero todos os centros que participan o ven como positivo. E dan motivos, máis alá dos erros que se poden dar no día a día. Non é só poñer en marcha unha tecnoloxía de referencia. Tamén é un cambio no modelo de ensinanza.

P: A oposición insiste en que este plan beneficia máis aos centros concertados.
R: Chega un momento en que a oposición está facendo un dano ao sistema público con tanta crítica que non é certa. Eu dou os datos. Un 77% das aulas o ano pasado foron adicadas ao sistema público. E este ano un 87% das aulas están adicadas ao sistema público, e un 13% ao concertado. O bipartito incrementou en 205 as unidades concertadas. E deixáronnos concertos en marcha. Neste momento, nós temos catro menos. Non hai incremento.

Comentarios